As comunidades do PP asinan un acordo para facer unha ABAU común entre elas
As comunidades do PP asinan un acordo para facer unha ABAU común entre elas
O conselleiro de Educación cre que a proba será "máis xusta"
O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, defendeu unha proba de acceso á universidade "máis xusta e que xere igualdade de oportunidades" tras asinar xunto a outros representantes de Educación de comunidades autónomas lideradas polo PP un acordo para realizar en 2025 unha ABAU común "cos mesmos contidos e datas".
Así o expresou este luns en Salamanca, nun acto organizado polo PP baixo o lema "Por unha ABAU máis xusta", no que participaron sete presidentes e cinco conselleiros de Educación das comunidades autónomas de Castela e León, Andalucía, Madrid, Murcia, Comunidade Valenciana, Aragón, Galicia, Estremadura, Baleares, A Rioxa, Cantabria e Canarias.
No acto, os gobernos autonómicos presididos polo PP comprometéronse a programar para 2025 unha proba de acceso á universidade (ABAU) que inclúa, entre outras medidas, que os exames versen sobre os mesmos contidos, teñan os mesmos criterios de corrección e as mesmas datas de realización.
Este modelo de ABAU establece tamén que as preguntas do exame sexan do mesmo tipo, haxa o mesmo número e estean na mesma orde, así como que as notas saian no mesmo momento, unha demanda esta última da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), e que todo se faga "no mesmo tempo e forma".
O acordo para homoxeneizar a ABAU en 2025 inclúe "ata o número de faltas de ortografía coas que se suspende un exame", tal como explicou na clausura do acto o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo.
A ministra de Educación, Pilar Alegría, afirmou este luns que esta proposta é "unha fantasía máis" do PP e só trae "máis desigualdade e inseguridade para os estudantes".
Alegría escribiu na rede social X que ao PP non lle importa a educación, "só crear ruído e polémica".
Una ensoñación más del PP. No les importa la #educación, solo crear ruido y polémica.
— Pilar Alegría (@Pilar_Alegria) July 1, 2024
España ya tiene una #PAU común, que ahora es también más homogénea.
Lo que plantean a destiempo solo trae más desigualdad e inseguridad para los estudiantes. pic.twitter.com/FZ4rxmQ8A2