Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dende os Estados Unidos á Peroxa para elaborar viños de autor na Ribeira Sacra

Dende os Estados Unidos á Peroxa para elaborar viños de autor na Ribeira Sacra

Alex Messianu e Cristina Vieira elixiron a Ribeira Sacra para cumprir o seu soño: fundar unha adega

G24.gal 04/07/2024 21:21

Unha parella elixiu a Ribeira Sacra para facer realidade o seu soño. Mexicano el, colombiana ela, namorados desta terra, puxeron en marcha a súa propia adega. E fano dende a aldea de Barra, no concello da Peroxa, o lugar onde recalaron despois de vivir durante anos en sitios como California, Texas ou Miami. Ata que unha oferta de traballo en España e un amigo adegueiro nesta zona cambiaron radicalmente a súa vida.  Agora elaboran viños de autor con variedades autóctonas, decidiron recuperar viñedos abandonados e mercar uva de viticultores respectuosos coa terra. Os seus viños poden probarse nalgúns restaurantes de Ourense e mesmo comezaron xa a comercializalos fóra de Galicia. 

"Teño un amigo aquí na Peroxa que fai uns viñazos, propúxenlle se podía vir con el de aprendiz por un ano, ser a súa sombra. Aprender todo dende a viña ata a adega, e el díxome que si. Gracias a ese si convencín a miña esposa de que viñese comigo a esta tolemia e tres anos despois aquí estamos".

Tres anos que serviron para pouco a pouco ir dándolle forma ao proxecto de Alex Messianu e Cristina Vieira. Elaborar viños de autor na Ribeira Sacra con variedades autóctonas. 

"As uvas minoritarias, como o brencellao, o merenzao e os caíños, son a razón principal pola que estou aquí. A mencía está moi ben, pero non é o que considero a uva da zona. As uvas da zona son as outras variedades, que hai que empezar a recuperar e empezar a traballar máis e máis, e para min ese é o futuro".

E nese futuro, embarcouse con Cristina, a súa muller. Chegaron aquí dende os Estados Unidos confiando, din, no potencial dos viños galegos. 

"Cando empezamos a ter ese coñecemento do viño galego vimos que non era moi fácil atopalo fóra de Galicia, que foi unha das razóns polas que viñemos. Coidamos que o potencial do viño fóra de Galicia é moi grande e como non se atopa cremos que pode haber un mercado grande... e para nós é un orgullo poder amosar estes viños fóra tamén".

Os máis dos viñedos cedéronllelos veciños da zona; outros téñenos en alugueiro. Deles saen as uvas con que elaboran viños nos que apenas se intervén.

"Sempre quero que se exprese o mellor posible a variedade e que calquera outra cousa, como o tempo en barrica, lle achegue algo secundario pero que nunca chegue a ser o que predomine en sabor ou aroma".

O proxecto leva por nome Alebrije en honor, din, ás súas orixes. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade