Comeza en Lugo unha nova edición do festival Urban Cores de arte urbana
Comeza en Lugo unha nova edición do festival Urban Cores de arte urbana
O artista guineano Eusebio Nsue Nsue elabora un novo mural no barrio das Casas Sindicais
Un ano máis, Lugo converteuse nun referente da arte urbana. Arrincou o Festival Urban Cores, que nesta edición aspira a culminar o embelecemento do barrio das Casas Sindicais. Nesta ocasión, a intervención, duns cen metros cadrados, corre a cargo de Eusebio Nsue Nsue, artista guineano.
As primeiras convocatorias deste festival serviron para colocar a Lugo no mapa mundial do muralismo. Nel participaron reputados creadores lucenses, como Diego As ou Manu Pallín, e agora son artistas chegados doutros continentes os que acoden a esta cita coa arte urbana.
Eusebio Nsue Nsue Asue, artista urbano: "Estou moi emocionado de estar aquí. A xente trátame moi ben e Lugo é unha pasada de cidade, con murais por todos os lados. Levo o mellor deste lugar".
Ao tempo que se promove o intercambio de experiencias entre os artistas, o certame tamén forma novos creadores. Os máis afamados muralistas locais serán os encargados de impartir un obradoiro neste mesmo barrio.
Manu Pallín, artista urbano: "Uns talleres para a xente que queira probar unha nova técnica. Sobre todo para a rapazada que anda por aquí, á que lle daremos unha actividade nova para que poida pasar o tempo".
Urban Cores naceu en 2021 co afán de achegar a arte urbana á mocidade en risco de exclusión social. Tres anos despois, o festival non só forma novos artistas, senón que ademais embelece, enche de cor e ilusiona barrios enteiros.