Arranca o Entroido, as comadres dan paso a días de troula e desmesura
Arranca o Entroido, as comadres dan paso a días de troula e desmesura
En Ourense, este venres, saíron desfilando os escolares
O espírito do Entroido invade cada recuncho da provincia de Ourense
En Ourense xa se respira Entroido. Hoxe os protagonistas son os máis pequenos. Cambian as clases e os libros por disfraces e desfiles. No de Ourense participaron centos de nenos dos distintos colexios da cidade. É só o comezo, quedan por diante varios días en que o espírito do Entroido invadirá cada recuncho da provincia ourensá.
Comeza a troula e a desmesura, este ano con máis precaución polo virus. Sábeno ben as comadres, son elas as encargadas de dar o tiro de saída ao Entroido e fixérono ao grande este xoves á noite.
Ambiente na rúa e nos restaurantes que acabaron cheos de mulleres con moitas ganas de pasalo ben e esquecerse por unhas horas da realidade aínda que a tiveran moi presente. É unha noite de mulleres, así que os homes que se atreveron a saír fixérono vestidos de féminas.
Quedan días de troula e desmesura, onde veremos as figuras típicas de cada Entroido, os troteiros en Bande, os felos de Maceda, as pantallas de Xinzo, os cigarróns en Verín, os peliqueiros en Laza, e tantos outros en diferentes vilas. Moito ambiente de festa ata que o corpo aguante.
Jácome, superheroe
E a esa festa apuntouse o alcalde de Ourense que non deixou pasar a oportunidade. Gonzalo Pérez Jácome saíu do Concello cun traxe de superheroe para berrar a conta atrás do Entroido. Hai que ser un heroe, dixo, para tratar co funcionamento burocrático.
Agarda Jácome que estes días de Entroido sexan o comezo desa ansiada recuperación económica. A ocupación hoteleira está ao cen por cento no só na cidade, senón en toda a provincia.