As ANPA cren que prohibir o uso do móbil nos institutos xerará barreiras

O presidente de CONFAPA defende que hai unha xeración que convive coa tecnoloxía e debe integrase nas competencias básicas

Rogelio Carballo atribúe a caída nos resultados do informe PISA aos cambios lexislativos dos últimos anos e á falta de investimento en educación, e ve necesario investir máis en reforzo académico e nas escolas do rural

Galicia prohibirá os móbiles nos recreos, comedores e clases extraescolares

G24.gal 08/12/2023 11:07 Última actualización 08/12/2023 12:10

Este venres, no Galicia por diante, Rogelio Carballo, presidente da Confederación de ANPAS galegas, valorou a medida da Xunta que pasa por prohibir, a partir de 2024, o uso dos móbiles no tempo que o alumnado permaneza nos centros de ensino, non só durante as horas lectivas, senón tamén nos tempos do recreo ou durante as extraescolares. 

O executivo galego pretende consensuar coas direccións dos centros a idade máis acaída para aplicar esta medida, 16 ou 18 anos, pero as ANPA cren que non se trata de acoutar idades, senón de integrar o uso destes dispositivos nas competencias básicas que ten que desenvolver o alumnado nas distintas etapas do ensino, algo que xa recolle a lei, expresan.

"Se o traballo con tecnoloxías é unha competencia básica, igual debería ter unha materia", argumenta.

Darlle as costas ao uso da tecnoloxía ao alumnado, afirma, provocará a futuro máis dificultades no seu manexo e vai introducir barreiras nunha xeración que fai uso da tecnoloxía para desenvolverse día a día. 

Traslada Carballo que neste momento o uso dos móbiles non supón un problema nos centros de ensino de Galicia. O presidente de CONFAPA incidiu nos numerosos recursos educativos que as tecnoloxías permiten integrar dentro das aulas.  

"O que temos que facer entre todos é educar no seu uso para evitar problemas", expresa. 

Resultados Informe PISA

O responsable de CONFAPA atribuíu a caída nos resultados do último informe PISA aos cambios normativos que se sucederon nos últimos anos, lexislación pensada desde o punto de vista dos adultos, pero non para o alumnado, matizou. 

Por outra parte, Carballo puntualizou que se precisa mellorar en ámbitos como a xestión de contidos e a cantidade de materia que se imparte nas materias que conforman o currículo. Ao tempo ve necesario maior investimento en reforzo académico e máis atención aos centros do rural, carentes de recursos a consecuencia da despoboación. 

"É importante falar dos colexios rurais, centros educativos que están perdendo alumnado polo abandono do rural e que se atopan con que queren cursar bacharelatos que non existen, ou non se poden implantar neses centros porque non hai alumnos, o que representa unha perda de dereitos de cara aos alumnos", remata. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade