Publicador de contidos
Publicador de contidos

As asociacións de persoas con autismo reclaman unha maior visibilidade social

As asociacións de persoas con autismo reclaman unha maior visibilidade social

Este domingo celébrase o día mundial da concienciación sobre os trastornos do espectro autista

G24.gal 02/04/2023 14:22 Última actualización 02/04/2023 14:39

O día de hoxe convértese un ano máis nunha chamada á visibilidade do autismo. Baixo o lema "Chamémoslle polo seu nome", familiares e afectados reivindican a desaparición do tabú arredor destes trastornos e unha maior comprensión social.

"É a discapacidade que máis taxa de desemprego ten, por esa incomprensión e ese tabú de non querer achegarse porque son raros. E non o son, porque son normais", manifesta Mercedes Fernández, presidenta da Federación Autismo Galicia.

En Galicia hai 27.000 persoas que presentan un trastorno do espectro autista, afección con múltiples facetas que condiciona o pensamento e a relación cos demais. Un diagnóstico temperán e un apoio continuado resultan fundamentais para acadar unha vida normalizada.

"Trátase de acceder a poder vivir sós, de xeito independente, pero sempre van ter que dispor o apoio dunha persoa que lles indique como integrarse, como socializar", recoñece Mercedes Fernández.

Por iso familias e asociacións insisten. A aceptación da sociedade é fundamental.

"Simplemente que os entendan, que os comprendan e que os queiran, porque son persoas coma calquera outra", reivindica a presidenta da Federación Autismo Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade