As embarcacións enchen o río Mandeo na festa dos Caneiros en Betanzos
As embarcacións enchen o río Mandeo na festa dos Caneiros en Betanzos
Este domingo celébrase a primeira xira da festa, que se repetirá o próximo día 25
Unha romaría de convivencia entre diferentes xeracións de betanceiros
Domingo 18 e Betanzos celebra un dos días grandes das festas, coa primeira xira dos Caneiros. Polo Mandeo arriba subiron unhas 250 embarcacións de romeiros cara ao campo da festa para compartir o xantar, a sobremesa e unha tarde de baile regada de viño.
Os preparativos desta primeira xira dos Caneiros xa empezaron hai días.
"Cada ano facemos algún detalle: camiseta, enfeites, abanicos. As lanchas veñen engalanadas, os grupos levan camisetas iguais, as que van en lancha cargan empanadas e toda a comida", di unha das festeiras.
E chega a hora da romaría, aínda que sexa coa resaca das festas desta ponte.
"Ás dez da mañá en pé, sen importar as festas dos días pasados. Hoxe hai que madrugar e ir directos á cociña preparar a beberaxe de bruxas", relatan as máis novas.
E coa garrafa lista, hai dúas opcións para chegar á festa, no barco ou facer os tres quilómetros e medio de camiño a pé ata o campo dos Caneiros.
"Hoxe vin a pé porque no camiño hai moita festa e hai que gozar dela tamén. Aquí queda moita festa, con sentido e responsabilidade".
"O ano pasado vin, paseino moi ben. Este fixen coincidir as miñas vacacións do verán para vir aos Caneiros".
Un dispositivo de seguridade en terra e tamén no río permanecerá ata a medianoite para garantir unha volta segura, a tempo para chegar a ver os fogos de artificio na Ponte Vella e coa ansia de repetir este percorrido de novo dentro dunha semana, nunha segunda xira.