Publicador de contidos
Publicador de contidos

Remata tras 85 días a erupción do volcán da Palma

Remata tras 85 días a erupción do volcán da Palma

Cúmprense os dez días de inactividade considerados imprescindible para falar da fin 

A situación de emerxencia mantense polo menos ata xaneiro polos gases tóxicos

G24.gal 25/12/2021 20:13

Despois de 85 días, o goberno de Canarias e os especialistas ao seu servizo deron por rematada a erupción do volcán da Palma, aínda que iso non implique a fin da situación de emerxencia.

Este sábado cúmprense os dez días de inactividade do Cumbre Vieja, considerados imprescindibles para poder falar do punto final da erupción, segundo declarou o conselleiro do goberno canario que dirixe o operativo. 

Aínda que as últimas horas foron tranquilas na Palma, o certo é que durante a Noiteboa houbo tres sismos de escasa magnitude, considerados coma un reaxuste normal do sistema. Nas coadas aínda hai zonas moi quentes, con case douscentos graos de temperatura.

As autoridades advirten da existencia de gases tóxicos en moitos lugares, polo que van manter a situación de emerxencia polo menos ata xaneiro, aínda que a erupción estea oficialmente rematada.

Eran case as tres e cuarto da tarde do pasado 19 de setembro cando estoupaba o volcán de Cumbre Vieja, na illa canaria da Palma, despois dun previo proceso eruptivo con máis de 25.000 sismos. 

Medio cento de persoas seguen en hoteis

Máis de cinco mil persoas foron evacuadas con anterioridade, e outras dúas mil terían que fuxir días máis tarde. Moitos delas quedaron sen nada, cincocentas das cales aínda seguen aloxadas en hoteis.

Morte sen aclarar

Máis de mil especialistas e douscentos voluntarios conseguiron que o volcán máis destrutivo da historia recente das Canarias non provocase vítimas mortais, agás unha persoa que morreu cando limpaba unha casa en circunstancias descoñecidas polo momento.

A lava derrubou 1700 construcións 

O que non puideron evitar todos os medios presentes foi a destrución que a lava, a cinza e os gases provocaron nos arredores do volcán. As coadas de lava, que chegou a temperaturas de 1.140 graos, arrasaron 1219 hectáreas de terreo, levándose por diante polo menos 1700 construcións e centos de fincas agrícolas.

A lava chegou ao mar, incrementando a superficie da illa en 48 hectáreas, divididas en dúas cornixas.

A erupción máis longa

Foron 85 días e oito horas de erupción, dun espectáculo terrible para os que viron como quedaban sen nada pero fermoso para os miles de especialistas e turistas de todo o mundo que se achegaron á Palma para ver en vivo a forza da natureza. Foi a máis longa rexistrada na illa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade