As axudas para a destilación de crise na Ribeira Sacra serán efectivas este mes
As axudas para a destilación de crise na Ribeira Sacra serán efectivas este mes
A conselleira de Medio Rural afirmou no Bos Días da TVG que se trata "dunha medida excepcional" que se adopta por primeira vez: "O viño está atravesando unha pequena crise, especialmente o tinto, e desde a Xunta temos que apoiar aos nosos viticultores"
María Xosé Gómez explicou que haberá dous millóns de euros para a conservación da paisaxe dos bancais e ata 2,4 para que poidan destilar os excedentes de viño
A Xunta de Galicia publicará xa nos vindeiros días a orde para conceder as axudas de apoio ao sector do viño da Ribeira Sacra para a denominada destilación de crise. Explicábao a conselleira do Medio Rural no Bos días da TVG.
María Xosé Gómez afirmou que se trata "dunha medida excepcional" que se adopta por primeira vez en Galicia. "O viño está atravesando unha pequena crise, especialmente o tinto, e desde a Xunta temos que apoiar aos nosos viticultores"pola caída no consumo e o aumento dos excedentes.
A conselleira explicou que esa destilación de crise "consiste en sacar eses viños das adegas para que sexan destilados".
Non será a única axuda. A Xunta acaba de aprobar ademais outra liña dotada con dous millóns de euros para apoiar "un sector esencial", segundo a conselleira, que está a atravesar un momento de dificultade.
O Goberno galego promoverá ademais accións informativas para que os adegueiros podan sacarlles un maior rendemento ás axudas que ofrece a PAC. Ademais, a través do IGAPE, concederá outras axudas para financiar os xuros correspondentes aos préstamos que soliciten os adegueiros para a compra de uva.
O sector vitícola na Ribeira Sacra agrupa 2.134 viticultores e 98 adegas distribuídas por vinte concellos.