As axudas para comedores escolares subirán un 5 %
As axudas para comedores escolares subirán un 5 %
O diñeiro irá destinado a colexios que contan con xestión directa dos comedores escolares, é dicir, con cociña propia no centro
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou este mércores que subirán un 5 % as axudas para os centros que contan con xestión directa dos comedores escolares, é dicir, con cociña propia no centro.
Este incremento, engádese a outro 5 %, que se puxo en marcha a finais do curso pasado.
“Deste xeito blindamos ás familias ante a escalada de prezos, xa que desde hai anos seguen pagando o mesmo polo comedor dos seus fillos independentemente do custo real do servizo, que asume a Administración galega”, destacou o conselleiro.
Segundo os cálculos do departamento educativo, a Xunta inviste cada día 300.000 euros para dar servizo a 77.000 usuarios.
Na reunión tamén se abordou o Plan de mellora enerxética que ten como obxectivo afondar na eficiencia nos centros educativos de forma que se garantan “as máximas condicións de confort e seguridade” pero tamén se camiñe cara a “unha optimización evitando consumos innecesarios”.
Neste sentido, referiuse ás rehabilitacións enerxéticas que xa se están acometendo en centros das catro provincias, así como á mellora dos sistemas de produción de enerxía apostando por fórmulas como a instalación de placas solares, fotovoltaicas e de caldeiras e centrais de biomasa en recintos escolares.