As bandeiras azuis xa ondean en 113 praias de 34 concellos
Galicia terá este verán 53 quilómetros de areais con bandeira azul
Doce portos deportivos e catorce centros de visitantes lucirán tamén este distintivo
As praias con bandeira azul xa poden lucir dende este luns distintivo. O presidente da Xunta Alfonso Rueda entregoulles bandeiras aos 34 concellos que este ano teñen acreditados areais con este recoñecemento á calidade das súas augas e aos servizos que prestan.
A primeira bandeira izouse na praia de Valcovo, en Arteixo, o terceiro concello con máis distintivos este ano. A listaxe lidéraa un ano máis Sanxenxo, con 17, que é o primeiro de España. Galicia concentra unha de cada cinco bandeiras azuis que se entregan no Estado.
"O 100 % dos concellos que se presentaron ao programa obtiveron bandeira azul. Isto significa eficacia, calidade e seguridade", dixo José Palacios, presidente da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, que concede estes distintivos.
O presidente da Xunta defendeu que é posible ofrecer un turismo de calidade preservando o medio ambiente e mantendo a actividade económica na costa.
"Por iso queremos facer a nosa lei do litoral e aproveitar os fondos europeos para facer un turismo sostible e que esa marca Galicia sexa estable", afirmou Alfonso Rueda.
Galicia terá este verán 53 quilómetros de areais con bandeira azul, un distintivo que tamén lucirán 12 portos deportivos e 14 centros de visitantes.