As bolsas mundiais móvense na incerteza con leves subas e baixadas
O Ibex 35 iniciou a xornada con subas, pero oscila entre as perdas e as ganancias, na mesma liña que o resto de mercados europeos
Wall Street inicia a xornada sen apostar claramente polas perdas ou polas ganancias tras a semana máis convulsa dos últimos anos
A China aumentará ata o 125 % os aranceis aos produtos dos Estados Unidos

Xornada e ida de volta na bolsa. O Ibex 35 iniciou a sesión deste venres cunha suba do 0,59 %. Non obstante, tras unha hora co mercado aberto os números tornáronse vermellos nas pantallas da bolsa española, cara ao medio día as ganancias regresaban ao parqué madrileño, para pouco despois pasar a moverse arriba e abaixo con lixeiras perdas e ganancias.
A deste veres é outra xornada sinalada pola volatilidade e a incerteza nos mercados mundiais derivada da guerra arancelaria por Donald Trump. Hoxe, o día ven marcado pola tensión comercial entre os Estados Unidos e A China.
Este xoves a administración norteamericana comunicaba que a suma dos aranceis combinados que Trump impuxo aos produtos importados da China ascende xa ao 145 %. A resposta chinesa chegaba este venres. Beijing informaba de que pensaba elevar ata o 125 % os aranceis aos produtos dos EUA.
E con esta decisión, as bolsas europeas, que abrían con tímidas ganancias, deron a volta e pasaron ter perdas. E aínda que algunha, como ocorreu co Ibex, chegou a ter ganancias, todas oscilan entre o verde e o vermello. A que máis cae e Frankfurt, cun 1 % de caída, mentres que París non chega a perder un 0,2 %, e Londres sálvase cun punto de ganancia.
Pola súa parte, a bolsa de Nova York abriu este venres en terreo mixto co selectivo S&P 500 caendo un 0,16 %. Dez minutos despois do toque de campá, o Dow Jones tamén perdía un 0,30 %, e o tecnolóxico Nasdaq subía un 0,17 %, mentres a bolsa trata de recompoñerse aínda das perdas xeradas tras o anuncio da agresiva política arancelaria da Administración Trump.
Os mercados asiáticos non se viron afectados polo anuncio chinés deste venres, xa que pecharan cando se deu a coñecer a decisión. O índice Nikkei 225 da Bolsa de Toquio, que chegaba a esborrallarse este venres un 2,91 %, mentres que o índice Hang Seng da Bolsa de Hong Kong resistía un día máis, ata escalar máis dun 1,1 %.
O prezo do petróleo subía na apertura do mercado bolsista, logo das baixadas dos días pasados. O barril de petróleo de calidade Brent, referencia para o vello continente, sitúase en 63,5 dólares, mentres que o Texas está nos 60,2 dólares.
No mercado das divisas, a cotización do euro fronte ao dólar colocábase en 1,136 billetes verdes, en tanto que no mercado de débeda, o interese esixido ao bono a 10 anos está no entorno do 3,27 %.