As casetas do San Froilán pechan este domingo
As casetas do San Froilán pechan este domingo
Últimos días para Far das racións de polbo nestas instalacións temporais
Últimos días para degustar o polbo nas tradicionais casetas do San Froilán. Aínda que as festas patronais de Lugo xa remataron a mediados de mes, as casetas permanecen abertas durante todo outubro.
O dito popular di: "Por San Froilán, viño, escabeche e pan". Pero a verdadeira estrela gastronómica das festas, ninguén o pon en dúbida, é o polbo. Para os lugueses, unha cita case ineludible pasar polas casetas.
En tempos dicíase que un de Lugo non tiña San Froilán se non pasaba polo menos unha vez polas casetas. "É un dito que se di a miúdo. E a verdade é que é un sitio moi agradable para ir e comer".
Comidas e ceas familiares, de empresa ou de amigos. Antes había, por así dicilo, quen pasaba medio mes comendo polbo. "As fins de semana aínda veñen moitas familias, pola semana máis empresas que traen aos seus empregados ou clientes", comenta Ramiro López, xerente dunha das casetas.
Unha tradición que se está perdendo entre os lugueses. "Non fun este ano a ningunha caseta". "Nós tíñamos ese costume de ir sempre comer a familia, sempre, pero vaise perdendo". "Fomos pouco por alí". "É un hábito que perdín"."Unha tradición que para min perdeuse, pero tampouco necesito que veña o San Froilán para comer o polbo".
Moitos din que polo custo. "Ás veces hai que perder as tradicións, porque os prezos son un pouco esaxerados", di un veciño de Lugo. Ramiro López contesta: "Ofrecemos unha boa ración con polbo de calidade. Todo está caro e nos tratamos de conter os prezos".
Para algúns, as casetas van quedando como reclamo turístico. "Para min van quedando para a xente de fóra. Moito tempo que esperar e acaban sendo incómodo".
Para os que aínda non foron ou queiran repetir, este son os últimos días. As casetas estarán operativas ata este domingo.