As cidades rexistran varias denuncias ao mes por esquecer onde se aparca
As cidades rexistran varias denuncias ao mes por esquecer onde se aparca
Santiago rexistra de 1 a 3 denuncias ao mes por descoidos
Adoita pasar de día cando estamos de turismo en vilas descoñecidas
O caso do condutor de Vigo que estivo unha semana buscando o seu coche ao esquecer onde aparcou, non é excepcional. É máis habitual do que parece. Non tanto o tempo que tardou en encontralo, como nos conta a Policía Local de Santiago.
"Adoita pasar con frecuencia, dunha a tres veces por mes. Normalmente, sucede de día, cos turistas e o problema arránxase nunha hora ou dúas como moito".
Ese tempo tardou este mozo nas festas dun concello que non coñecía.
"Ao non coñecer o pobo, non sabiamos moi ben onde deixáramos o coche e tivemos que buscalo unha hora camiñando".
Na rúa, todo o mundo ten unha anécdota que contar deste tipo de descoidos que a veces remata no depósito municipal de vehículos ou con sorte, lembrando o lugar á mañá seguinte. Pero ás veces, o condutor nin sequera usou ese día o seu coche. Contouno un axente da Policía Local de Santiago.
"Que pasara unha noite de festa e viñera en transporte colectivo".
Igual que lle ocorreu a estoutro mozo.
"Saír de festa e que ao día seguinte estea noutro sitio, si".
Escarmentados ou previsores, cadaquén ten os seus trucos. O máis estendido é compartir localización desde o propio teléfono móbil, moi habitual entre a mocidade.
"Mandas a localización por WhatsApp e gárdacha".
Para non perder o coche nos aparcadoiros xigantes dos centros comerciais, onde o mozo de Vigo encontrou finalmente este xoves o seu turismo, apunten estoutro truco.
"Nos aparcadoiros facémoslles fotos ás letras e aos números".
Xa hai turismos que incorporan sistemas de xeolocalización para evitar situacións apuradas, pero o máis habitual son as aplicacións descargadas no propio móbil e interconectadas co vehículo. Explícao Manuel Tanoira, o xefe de vendas de Toyota-Compostela Móvil.
"Esa aplicación permite que prenda os intermitentes durante trinta segundos pestanexando e igual o localizo mellor e podo facer mesmo que me envíe o rueiro ao móbil".
As recomendacións son apuntar o nome da rúa e o número onde se estaciona, marcar a dirección co GPS e usar no posible os aparcadoiros disuasorios fóra do centro das urbes.