Publicador de contidos
Publicador de contidos

As claves de Juice, a misión máis ambiciosa da Axencia Espacial Europea

As claves de Juice, a misión máis ambiciosa da Axencia Espacial Europea

Explorará a contorna de Xúpiter e das súas tres grandes lúas xeadas: Calisto, Europa e, sobre todo, Ganímedes

Unha viaxe de oito anos

G24.gal 13/04/2023 08:46

A Axencia Espacial Europea (ESA) lanza desde Kurú, na Güiana Francesa, a misión Juice, que explorará cos seus dez instrumentos a intrigante e afastada contorna de Xúpiter e das súas tres grandes lúas xeadas: Calisto, Europa e, sobre todo, Ganímedes. 

Juice (Jupiter Icy Moons Explorer), equipada con dez instrumentos, que conta con participación española, é unha das grandes misións da ESA, á que se dedicaron 1.600 millóns de euros, para saber máis de Xúpiter e tres das súas lúas, que poderían albergar auga. Estas son algunhas claves da misión.

Por que Xúpiter?

Xúpiter, cos seus numerosos satélites é un sistema solar en miniatura, estudar en profundidade a súa complexa contorna servirá para comprender como é un planeta xigante gaseoso típico, como se formou e como funciona.

Pero ten outras moitas características interesantes, en especial tres das súas lúas, Calisto, Europa e Ganímedes, baixo cuxas codias xeadas se cre que pode haber océanos de auga líquida. Juice explorará estes mundos e investigará se algunha vez xurdiu vida nestes océanos.

 Canto se tarda en chegar a Xúpiter?

Oito anos. Todo comezará 27 minutos e 45 segundos despois do lanzamento do Ariane 5 no que viaxa Juice. Nese momento, a sonda separarase e comezará unha longa viaxe nun camiño que dista moito de ser recto, porque para lograr o impulso necesario e aforrar o máximo de combustible terá que contar coa axuda da gravidade da Terra, a Lúa e Venus.

Nun camiño que parece que o afasta do quinto planeta do sistema solar, Juice realizará varias asistencias gravitatorias. A primeira en agosto do ano que vén, cando se aproximará á Terra e a Lúa; en 2025 necesitará o impulso de Venus, e entre 2026 e 2029 dúas veces máis da Terra.

A sonda, con dez paneis solares e un peso dunhas seis toneladas, chegará a Xúpiter en xullo de 2031, onde operará nun medio hostil, con alta radiación, temperaturas extremas, fortes campos magnéticos e pouca luz.

Pode Juice detectar vida?

A misión non está equipada para detectar vida, senón deseñada para pescudar se podería haber lugares ao redor de Xúpiter, no interior das lúas xeadas, onde se dean as condicións necesarias (auga, elementos biolóxicos esenciais, enerxía e estabilidade) para sustentar a vida, segundo explica a ESA.

 Por que a lúa Ganímedes é o seu obxectivo principal?

Ganímedes é, para a ESA, un obxecto único e fascinante e non só por ser a lúa máis grande do sistema solar, senón por ser a única cun campo magnético interno e unha historia xeolóxica singular.

A sonda sobrevoará doce veces esta lúa xeada para explorar o campo magnético, o océano oculto, o seu complexo núcleo, o contido de xeo, a codia e a súa interacción con Xúpiter, e tamén a súa posible habitabilidade.

Alí Juice converterase na primeira nave espacial en orbitar unha lúa distinta á nosa e tras o seu estudo, cando quede sen combustible, estrelarase de forma controlada contra ela, poñendo fin á misión.

Unha curiosidade:

O Ariane 5 a bordo do que viaxa Juice loce un debuxo que representa a misión e foi elixido pola ESA nun concurso infantil celebrado en 2021. A imaxe é obra de Yaryna, unha nena ucraína que agora ten dez anos e representa unha versión infantil de Xúpiter coas súas tres lúas xeadas, a Terra e Juice. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade