Ariane 6, o novo foguete europeo con tecnoloxía galega engala no seu voo inaugural desde Kurú
Ariane 6, o novo foguete europeo con tecnoloxía galega engala no seu voo inaugural desde Kurú
A bordo van 17 pasaxeiros, dous deles españois
O novo foguete Ariane 6 engalou este martes na Güiana Francesa desde o porto espacial de Kurú ás catro da tarde hora local (19.00 GMT) no seu voo inaugural, co que Europa recupera a súa autonomía de lanzamento ao espazo.
Esta primeira misión servirá para probar o lanzador, que transporta entre a súa carga o dispensador de satélites RAMI, da empresa galega UARX Space, un cubesat da Universidade Politécnica de Cataluña ou o experimento CURIE da Nasa.
O primeiro voo de Ariane 6 comezou cumprindo co previsto e o foguete saíu cara ao ceo asollado de Kurú, o que permitiu ver a súa traxectoria durante bastante tempo.
A engalaxe produciuse unha hora máis tarde do previsto, un atraso comunicado pola Axencia Espacial Europea (ESA) horas antes debido a un "problema menor" que foi resolto.
O director xeral da ESA, Josef Aschbacher, sinalou minutos antes do lanzamento desde Kurú, que este martes “é un momento moi histórico. Estamos restablecendo o acceso independente de Europa ao espazo”.
A misión durará 2 horas 45 minutos. Unha hora e seis minutos tras a engalaxe, e en tres ondas, poñerá en órbita os satélites e experimentos que o acompañan e non será ata case o final cando se separen dúas cápsulas experimentais de reentrada.
Ariane 6, co que se abre unha nova era de transporte espacial europeo autónomo, centra o seu deseño na versatilidade e a modularidade, que lle permite adaptarse ás necesidades de misións con cargas múltiples e cun obxectivo de redución de custos do 40 % ante o seu predecesor, Ariane 5.
Entre as súas principais innovacións, o motor da etapa superior, Vinci, que se pode reiniciar ata catro veces e permite situar cargas en diferentes órbitas ou planos para formar constelacións de satélites, un mercado en alza e con cada vez máis competencia.
O acendido final pode sacar de órbita a etapa superior, como se fai este martes, para que desapareza na atmosfera terrestre, reducindo o lixo espacial, cando se complete esa etapa a misión terminaría.
Lanzar sen depender de ninguén
Esta engalaxe devolve a Europa a súa capacidade de lanzar ao espazo de forma autónoma. Algo que perdeu tras a fin dos voos de Ariane 5, hai agora un ano. O foguete Vega C tampouco engala desde que en 2022 fracasou na súa primeira misión comercial.
A interrupción da colaboración coa axencia espacial rusa Roscosmos en 2020, pola guerra de Ucraína, fixo que Europa deixase de usar os Soyuz, cos que contaba para cubrir o período de transición se Ariane 6 non estaba listo no prazo previsto. A final o atraso foi de catro anos.
Esa crise de lanzadores levou a ESA a recorrer á estadounidense SpaceX para enviar ao espazo algunhas das súas misións institucionais.
Ariane 6 conta coa participación de 13 países da ESA, como España, Francia, Alemaña ou Italia e a implicación dunhas 600 empresas europeas, entre elas varias españolas.
17 'pasaxeiros', dous españois
O lanzador partiu con 17 'pasaxeiros' de nove países e ducias de organizacións, desde cubesat a dipensadores de satélites, experimentos, como CURIE, que medirá as ondas de radio procedentes do sol, e dúas cápsulas de reentrada.
Para o dispensador de satélites RAMI, realizado en Nigrán (Pontevedra) e capaz de albergar cubesat que superan as dimensións estándar, este é tamén o seu primeiro voo.
O minisatélite 3Cat-4 fixérono estudantes da Universidade Politécnica de Cataluña e, entre outras funcións, dedicarase a medir diversos fenómenos climáticos e meteorolóxicos desde o espazo.
Este primeiro lanzamento está baixo responsabilidade da ESA, despois Arianespace proverá os servizos, cun segundo voo previsto para finais de ano.
Ata o momento hai reservados 30 lanzamentos ata 2027, deles 18 para a engalaxe da constelación da internet satelital Kuiper de Amazón, e tamén se usará para satélites do sistema europeo de posicionamento Galileo.