As cloacas romanas descubertas en Lugo continúan en funcionamento
As cloacas romanas descubertas en Lugo continúan en funcionamento
Abertas ao público este ano no museo Porta Miñá, foron visitadas por milleiros de persoas
Nos seus inicios, as augas residuais da antiga Lucus Augusti discorrían por unhas canles situadas nas beiras das rúas. Houbo que agardar ata o século IV, unha vez construída a muralla romana, para que a cidade contase cun grande avance: as cloacas.
Un dos tramos das canles subterráneas foi descuberto nos anos 90 xunto á Porta Miñá. Sorprendentemente, aínda funcionaba, e unha vez musealizada polo Concello con fondos europeos, a día de hoxe pode visitarse de balde.
Enrique González, arqueólogo municipal de Lugo: "Cando se constrúe a muralla, hai unha transformación moi importante da cidade. Vense obrigados a realizar varias reformas, entre elas a das canalizacións, que pasan a estar soterradas baixo as calzadas".
A da Porta Miñá, que se abriu ao público este mesmo ano e xa foi visitada por milleiros de persoas, non é a única cloaca romana que se conserva en Lugo. Consta outra máis, situada baixo o claustro da catedral, que actualmente segue recollendo as augas pluviais da contorna.
Enrique González, arqueólogo municipal de Lugo: "Dá idea do nivel que acadou a enxeñería romana. As cloacas só se empezaron a ver coas escavacións arqueolóxicas, e descubriuse que se trataba dun sistema de saneamento moi práctico".
De feito, ata hai apenas 200 anos, a mediados do século XIX, non se construíu en Lugo un sistema de canalización público que substituíse as cloacas romanas.