As condicións atmosféricas propician unha boa marcha da campaña apícola en Galicia
As condicións atmosféricas propician unha boa marcha da campaña apícola en Galicia
A calor desmesurada, incendios, o ácaro da varroa e as velutinas son os principais perigos que ameazan as abellas
Bo tempo para as abellas, pero tamén para as velutinas, as súas grandes devoradoras. A boa perspectiva de produción apícola e, asemade, un risco alto de mortaldade de abella pola acción da avéspora asiática caracterizan a campaña actual. Isto é hoxe, finais de maio.
"O tempo está a axudar. Agora veñen unhas chuvias, tamén son moi favorables para que haxa flores que aguanten con bastante néctar. Levamos uns días con vento do nordés e ás abellas non lles gusta nada o vento e houbo uns días de parada. Pero en xeral, podemos dicir que a campaña vai ben", di Gonzalo Calvo, vetenario da Asociación Galega de Apicultura, AGA.
Na sede de AGA en Arzúa falan tamén da mortaldade das abellas en Galicia, matizando que non é esaxerada e que en moitas ocasións a colmea morre por non ter os coidados axeitados.
A calor desmesurada, incendios, o ácaro da varroa e as velutinas son as causantes das maiores perdas nas alvarizas de Galicia. A maior ameaza aniña en lugares que non están visibles.
"O ano é bo para as abellas e tamén para a velutina. Iso non se sabe ata que chegue o momento, pero presinto que vai ser un ano de moita avéspora cando empece a atacar a partir de agosto e setembro. E o cambio climático é un problema gravísimo. De momento parece que todo vai ben. Pero quen sabe que pasará dentro dun mes ou dos meses?", pregúntase Gonzalo Calvo.
A actividade apícola, permanentemente pendente da evolución atmosférica, pode mudar nas expectativas. Pero, polo de agora, apunta a unha campaña de produción boa.