As confrarías acusan a Comisión Europea de ecoloxismo radical
As confrarías acusan a Comisión Europea de ecoloxismo radical
Censuran a Bruxelas por non escoitar nin o sector nin os científicos
As confrarías de pescadores de Galicia acusan a Comisión Europea de ecoloxismo radical por prohibir a pesca en 87 zonas de augas comunitarias baixo o argumento de que os aparellos danan os corais e as esponxas.
O presidende da Federación de Confrarías José Antonio Pérez Sieira afirma que a Comisión non fai caso dos científicos e recorda que os barcos galegos levan décadas traballando nesas áreas sen que o medio sufra ningunha consecuencia. Dicíao no Galicia por diante.
"Levamos anos, moitísimos anos, décadas, traballando nesas zonas e esas zonas están intactas. O que pasa é que hoxe en día non nos fan caso ó sector pesqueiro. Non se miran os estudos científicos que teñen que facer. Nin ó ICES (Comisión internacional para a exploración do mar) lle fan caso".
"Estamos gobernados na Unión Europea por xente moi ecoloxista, como o comisario ou a súa lugartenente, a directora da DG Mare. Ela foi invitada a vir aquí, ó Consello Galego de Pesca, con toda clase de sectores, explicándolle os motivos, que non era así, que había que facer primeiro estudos científicos e socioeconómicos e non fixo caso. Entroulle por un oído e saíulle polo outro".
Pérez Sieira agoira que se acabarán destruíndo barcos, xa que non hai caladoiros alternativos con espazo abondo para acoller máis pesqueiros.
"Xa estabamos tendo problemas nas zonas de pesca para xestionar a frota. Se agora pechamos todas esas zonas desde Irlanda ata Portugal, abarcando España e Francia, son 16.000 quilómetros cadrados, de momento, que nós saibamos fixo, porque non se sabe realmente aínda o que pode impactar. Eses barcos que traballaban aí teñen que desprazarse para outras zonas onde están traballando outros barcos, e entón si que sería un perigo para o ecosistema que toda a frota traballe nunha mesma zona".