Publicador de contidos
Publicador de contidos

As confrarías de Lugo e de Viveiro ultiman os preparativos para unha Semana Santa multitudinaria

As confrarías de Lugo e de Viveiro ultiman os preparativos para unha Semana Santa multitudinaria

As dúas festas están declaradas de interese turístico

Félix Aragunde 18/03/2024 19:58 Última actualización 18/03/2024 20:24

Viveiro prepárase para recibir decenas de miles de visitantes na súa Semana Santa. Declarada de interese turístico internacional, é unha das celebracións relixiosas máis importantes de toda Galicia.

Isabel Méndez, xerente do Centro Comercial Histórico de Viveiro: "Do xoves ao domingo, os días grandes, adoitábase cubrir o cen por cento da ocupación hoteleira, unha ocupación que se acada xa durante toda a semana".

As oito confrarías da vila mariñá ultiman os preparativos para participar nas quince procesións e mais nos actos sacramentais programados.

Portarán 45 imaxes, algunha con ata 105 levadores, coma a das Sete Palabras, que sae na Paixón, onde 68 persoas levan o Cristo da Piedade, dunha tonelada de peso.

José Luis Couceiro, Confraría do Cristo da Piedade de Viveiro: "A da Paixón é a procesión máis grande que hai aquí en Viveiro. Nela implicámonos 1.500 persoas".

Estímase que a Semana Santa de Viveiro se remonta a 800 anos atrás, en plena Idade Media. É, por tanto, a máis antiga do país.

Mari Carmen Chipe, voceira da Xunta de Confrarías de Viveiro: "En Viveiro nunca se deixou de celebrar a Semana Santa. Esa é unha particularidade esencial".

Máis modesta é a Semana Santa de Lugo, que conta con seis confrarías e mais a colaboración da Terceira Orde. En total, fanse trece procesións, entre as que destaca a da Esperanza ou a do Bo Xesús, que celebra os seus 75 anos de historia cunha exposición na catedral luguesa.

Manuel Barja, irmán maior da Confraría do Bo Xesús: "En 1949 sacou en procesión, por vez primeira, a imaxe do Bo Xesús. Con tal motivo, temos aquí unha pequena mostra coa historia da confraría".

Ramón Basanta, presidente da Xunta de Confrarías de Lugo: "Nós temos procesións todos os días dende o Venres de Dores ata o Domingo de Resurrección. Entre todas as confrarías, temos entre 2.000 e 3.000 persoas colaborando".

Dende 2018, a Semana Santa de Lugo goza do categoría de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade