Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Semana Santa de Ferrol supera as expectativas rexistrando unha ocupación hoteleira do 85 %

A Semana Santa de Ferrol supera as expectativas rexistrando unha ocupación hoteleira do 85 %

Nalgúns establecementos mesmo se achegaron ao completo; houbo cancelacións, pero sinalan que foron mínimas.

G24.gal 01/04/2024 21:48 Última actualización 01/04/2024 22:04

O temor pola chuvia non foi motivo suficiente para deslucir unha das celebracións máis agardadas do ano en Ferrol: a da súa Semana Santa. Desde o sector hostaleiro falan dunha campaña por riba das expectativas iniciais.

"Os cafés e os bares non chegaron a traballar como o ano pasado, pero aínda así o certo é que Ferrol estivo cheo e traballouse moi ben para ser a Semana Santa como foi chovendo", puntualiza Luisa Barro, xerenta da Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e comarca.

En hoteis e aloxamentos a ocupación media foi do 85 %. Nalgúns establecementos mesmo achegáronse ao completo. Houbo cancelacións, pero sinalan que foron mínimas. Loli Padín, do Hotel Alda El Suízo, afirma que "si tivemos cancelacións, pero ao mesmo tempo chegaba unha reserva nova. A verdade non podemos queixarnos. Non chegamos ao completo, pero tivemos unha ocupación do 95 % nos días grandes da Semana Santa e, visto o visto, podemos estar contentos".

Para a Xunta de Confrarías a deste ano foi unha Semana Santa con sabor agridoce pola suspensión de varias procesións. Con todo, o ambiente nas rúas da cidade non desmereceu.

"Finalmente saíron case todas as procesión e a xente puido gozar, non só das procesións, senón tamén dos museos e das visitas guiadas que se organizaron que foron un éxito certamente", apuntan desde o Hotel Alda El Suízo.

"Ferrol é unha cidade onde hai moita xente que vive fóra, pero que cando chega Semana Santa ou o Nadal sempre volven porque ou ben están nas confrarías ou ben están moi implicados coa celebración do evento", engade Luisa Barro.   

Á espera de coñecer os datos oficiais, as oficinas de turismo e a oficina do peregrino avanzan unha intensa actividade rexistrada en Semana Santa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade