Desaceleración no mercado de traballo?, por Maite Cancelo
OPINIÓN
Desaceleración no mercado de traballo?, por Maite Cancelo
O paro baixou en marzo en España en 33.405 persoas con relación ao mes de febreiro, co que, o número de parados contabilizados polo Servizo Estatal de Emprego situouse por encima dos 2,7 millóns de persoas debido á boa campaña da Semana Santa e a pesar das malas condicións climatolóxicas.
Por sectores, redúcese en máis de 30.000 no sector servizos, algo máis de 2.000 en industria, 1.500 en agricultura e 333 na construción, e só aumenta no grupo “sen emprego anterior” (en case 1.800).
Outro dato positivo é a baixada do número de mulleres en situación de paro (vinte e tres mil), precisamente porque o emprego se xerou maioritariamente nos sectores de hostalería
O número de afiliacións á Seguridade Social ascendeu en máis de 193.000 persoas e asináronse máis de 1,1 millóns de contratos, pero a súa evolución foi peor que en marzo do 2022, nun marzo sen Semana Santa en que as contratacións foron de máis de 1,3 millóns, polo que este ano, en termos interanuais, caeron nun 14,6 %.
Os datos galegos son mellores que os que presenta a media española, xa que o noso paro rexistrado diminuíu nun 1,2 % con relación a febreiro e un 9 % con relación ao ano anterior (en España a caída foi do 4,7 %). Doutra banda, as contratacións aumentaron un 0,7 % con relación a febreiro, aínda que diminuíron un 13,8 % con relación ao mesmo mes de 2023.
Son tan bos os datos publicados?
Marzo adoita ser un mes positivo con relación ao paro rexistrado, xa que descendeu en 24 ocasións, desde o inicio da serie histórica, subindo só en cincio ocasións. Con todo, a caída deste ano foi inferior á que se experimentou no ano anterior, (que foi de 48.755 persoas), o que pode estar a indicar unha certa desaceleración do mercado de traballo.
Doutra banda, e, a pesar de que o goberno non proporciona datos fiables sobre o número de fixos descontinuos, FEDEA estima que son máis de 700.00. Lembremos que cando estas persoas non traballan non están a ser contabilizadas como desempregadas e que de incluírense pasariamos a un paro efectivo de máis de 3,5 millóns de persoas. De feito, a pesar de que o emprego creceu, como xa indicamos, en máis de 193.000 persoas, o paro rexistrado só descendeu en algo máis de 35.000, polo que non está a reflectir o crecemento do emprego durante este mes.
Se ao anterior engadimos o feito de que case tres de catro desempregados cobraba unha prestación ou subsidio no mes de febreiro, sendo o dato máis elevado dos últimos 14 anos segundo informou recentemente o secretario de Estado de Traballo, isto indica que hai máis xente cobrando o paro, polo que a cifra de desempregados está subestimada.
A boa noticia é que moitas persoas puideron acceder a un posto de traballo durante este mes, pero moitos contratos seguen sendo de curta duración (aínda que sexan indefinidos), polo que a estacionalidade é unha das causas de moitas destas novas contratacións.
Para finalizar, este ano os datos de mazo do paro e dos novos contratos, a pesar do pulo do turismo, foron peores que os do mesmo mes do ano anterior e todo apunta a que a desaceleración económica está a chegar xa ao mercado de traballo, o cal teremos que seguir analizando cos próximos datos que se publiquen.