Publicador de contidos
Publicador de contidos

As consecuencias da suba de tipos de xuro, por María Bastida

OPINIÓN

As consecuencias da suba de tipos de xuro, por María Bastida

María Bastida 05/09/2022 08:00

O Banco Central Europeo efectuou o pasado xullo a primeira suba dos tipos de interese en 11 anos, co obxectivo de atallar unha inflación que, como sabemos, está descontrolada na Zona Euro. Esta semana está prevista unha nova reunión na que, previsiblemente, se adoptará unha decisión similar.

Con este movemento, o BCE busca frear a inflación, é dicir, que os prezos non suban a un ritmo tan vertixinoso como o fan ata o de agora. A inflación non vai desaparecer, pois neste devalar alcista subxacen factores, coma o custo das materias primas, sobre os que o BCE non ten control, pero trátase de que non suban tanto.

E se isto é así é porque unha suba de tipos de interese encarece o crédito e frea o consumo. Noutras palabras, a suba de tipos de interese ten efectos directos para empresas e consumidores.

Cando soben os tipos de interese, o BCE aumenta o prezo ao que presta diñeiro á banca. En consecuencia, esta traslada este movemento ao crédito que concede aos consumidores, é dicir, o dos préstamos persoais e hipotecas, polo que estes ven como os cartos que pediron prestados, ou os que pretenden pedir, custan máis.

Polo tanto, a primeira derivada da suba do tipo de interese será sobre as hipotecas: quen a teña con tipo variable sufrirá unha alza nas súas cotas; quen pretenda hipotecarse, verá que as hipotecas serán máis caras (sobre todo, se se trata dunha a tipo fixo) e, probablemente, con requirimentos máis complexos para a súa concesión.

Isto non só afecta ás persoas que queren mercar unha casa, senón tamén a quen quere vender: se as hipotecas son máis caras e difíciles de conseguir, a demanda de vivenda baixa e isto podería provocar unha caída de prezos.

Por outra banda, quen precise dun crédito persoal para o consumo verá tamén como este se encarece. Para as empresas, o panorama é similar. A maioría das PEMES precisa créditos ou liñas de crédito para o seu funcionamento habitual, e estas subirán tamén; esta alza pode poñer en dificultades o funcionamento normal das organizacións. 

Non todas as consecuencias son negativas: os intereses que pagan os bancos polo aforro (é dicir, polos depósitos dos seus clientes) tenden a subir tamén. Asemade, isto fai que sexa máis atractivo aforrar, o que tamén debería conducir a restrinxir o consumo. 

Obviamente, nesta cadea de consecuencias non só se afecta a consumidores e empresas, pois o sector público tamén consume e debe pagar máis cartos polas débedas que contrae. En resposta, adoita reducir o consumo e o gasto para poder asumir os compromisos contraídos.

Porén, non hai sinais de que isto se vaia producir, e ás portas de ano electoral tampouco parece probable. Namentres a ecuación non estea completa, quedamos coas consecuencias anteriores: cartos máis caros e complicados de obter para empresas e consumidores. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos