Publicador de contidos
Publicador de contidos

As diferenzas entre Marrocos e España prorrogan o peche das fronteiras terrestres 15 días

As diferenzas entre Marrocos e España prorrogan o peche das fronteiras terrestres 15 días

A negociación atáscase ante o pedimento de Madrid de abrir aduanas comerciais e permitir a entrada de traballadores transfronteirizos

G24.gal 30/04/2022 17:33

Interior publicou este sábado no BOE a orde pola que se prorroga por quince días máis o peche das fronteiras terrestres con Marruecos en Ceuta e Melilla. O Goberno pospón así, polo menos ata o 15 de maio, a reapertura dos pasos fronteirizos malia o restablecemento das relacións entre os dous países e a mellora da situación epidemiolóxica pola covid.

As "profundas discrepancias" que manteñen Madrid e Rabat sobre as condicións para abrir, conforme varias fontes coñecedoras das negociacións, estarían detrás da decisión.

O principal obstáculo é que Madrid quere que a volta ao tránsito de viaxeiros entre os dous países vaia acompañada da reapertura da aduana comercial de Melilla, pechada de xeito unilateral por Marrocos en 2018, e a creación da de Ceuta. Tampouco hai acordo aínda sobre o que pasará cos traballadores transfronteirizos que Madrid quere incluír nunha primeira fase de regreso á normalidade, e que Marrocos non dá aceptado.

As negociacións sobre as fronteiras reactiváronse tras a decisión do Goberno español de apoiar a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental.

A intención do executivo era abrir este domingo 1 de maio os valados ao tránsito de mercadorías e vehículos, tras máis de 25 meses dun peche total que comezou en marzo de 2020 coa pandemia. Pero que despois de abril de 2021, coa crise aberta entre os dous países pola decisión do Goberno español de acoller o líder da Fronte Polisario, a medida adiouse no tempo.

No caso marítimo non hai diferenzas e o tráfico de pasaxeiros no Estreito retomouse o 12 de abril e o de vehículos o 18, xa que os dous países coinciden en que esta fronteira débese xestionar como internacional.

Ceuta considera "prudente" manter pechada a fronteira con Marrocos e Melilla di que hai que ser cautos e deixar que os dous gobernos traballen sobre a reapertura.

A actual orde de fronteiras, coas restricións que se aplican ás fronteiras exteriores terrestres, marítimas e aéreas españolas polas recomendacións do Consello da Unión Europea, expira esta medianoite. A prórroga entre en vigor e podería ser modificada se cambian as circunstancias.

Para garantir as necesidades de seguridade, Interior destaca que reforzou os efectivos policiais tanto en Ceuta coma en Melilla. O 5 de maio reuniranse en Rabat delegacións de España e de Marrocos para preparar a operación paso do Estreito 2022, suspendida desde 2020, e o venres 6 tamén terá unha cita na capital marroquí o grupo de traballo sobre migracións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade