As empresas deberán parar algunhas actividades ante vagas de calor extrema
As empresas deberán parar algunhas actividades ante vagas de calor extrema
O Goberno modifica a lexislación de saúde laboral para adaptala ao cambio climático
O Goberno reforza a lexislación laboral para protexer os traballadores ante as vagas de calor. Cando haxa unha alerta laranxa ou vermella por altas temperaturas as empresas deberán adaptar as condicións laborais, reducindo ou modificando horarios se hai risco para a saúde. E nalgúns casos mesmo paralizar a actividade. O ministro Planas puxo como exemplo a agricultura e a construción.
"Nesta e outras actividades a penosidade pola elevación das temperaturas é moi significativa. Por tanto o que fai este decreto é facer máis estritas as condicións en relación con este tema e polo tanto dar unha alerta adicional", explicou o ministro.
Haberá que esperar á publicación do decreto para coñecer os detalles. Xa transcendeu que as medidas deberán contar cunha avaliación de riscos previa. O Goberno tamén decidiu adiantar este ano o plan nacional de saúde pública por altas temperaturas.
"Adiantamos a súa entrada en vigor 15 días, desde o 15 de maio ata o 15 de setembro", explicou a voceira do Goberno.
As vagas de calor chegan antes, repítense con máis frecuencia por mor do cambio climático e teñen consecuencias na saúde. Entre xuño e setembro do ano pasado houbo en España un aumento de 4.800 mortes atribuíbles ás altas temperaturas.