As enquisas consolidan a vitoria do PP, mentres o CIS volve situar o PSOE en cabeza
As enquisas consolidan a vitoria do PP, mentres o CIS volve situar o PSOE en cabeza
As principais enquisas danlle a maioría ao bloque da dereita, mentres o CIS outorga esa maioría á esquerda
Este luns é o último día permitido para publicar enquisas antes das eleccións
As últimas enquisas que publican os xornais nacionais hoxe luns, último día para a difusión de sondaxes, consolidan a vitoria do PP nas eleccións xerais do 23X e a súa posible maioría absoluta con Vox.
En cambio, a sondaxe flash do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) sitúa o PSOE 1,4 puntos por diante do PP en estimación de voto, a mesma distancia que lle atribuía xusto antes da campaña electoral e do debate cara a cara entre Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo..
En concreto, vaticina un apoio do 32,2 % para os socialistas fronte a un do 30,8 % para os populares. En terceira posición figura Sumar cun 14,9 % e a cuarta praza é para Vox, para quen se calcula un apoio do 11,8 %.
A suma da esquerda alcanza o 47,1 % e supera en 4,5 puntos a do bloque da dereita, que quedaría nun 42,6 %
Enquisas
O último tracking de GAD3 para ABC reflicte que a dereita segue por encima da maioría absoluta (establecida en 176 escanos) con 180 deputados: os 151 que dá ao PP (co 37 % dos votos) e os 29 de Vox (co 11,9 por cento).
O PSOE podería obter 115 parlamentarios co 28,4 % das papeletas, mentres que Sumar irrompería no Congreso con 25 deputados e o 11,5 dos votos.
Segundo ABC, o actual Goberno caería a 140 escanos dos 155 actuais (PSOE e Podemos), é dicir, 40 menos que os que atribúe á suma de PP e Vox. Pola súa banda, os nacionalistas cataláns, vascos e galegos obterían 29 escanos.
O último traking de Sigma Dos para El Mundo tamén apunta que o PP se impoñería nas eleccións con 147 escanos, pero a caída de Vox ameaza unha posible maioría absoluta de ambas as formacións.
El Mundo afirma que esta sondaxe debuxa un escenario de grande incerteza, no que o Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo se impoñería por diante do PSOE de Pedro Sánchez, que lograría 108 deputados.
Sumar sería terceira forza con 34 deputados, por diante de Vox, con 29, e dos partidos nacionalistas. ERC conservaría 10 escanos, Junts obtería 9, EH Bildu 6 e o PNV 5, mentres que a CUP e o BNG lograrían un.
Nese escenario, o bloque conservador de PP e Vox sumaría 176 escanos, exactamente os necesarios para lograr a maioría absoluta que permita unha investidura, pero a tendencia á baixa do partido de Santiago Abascal puxo en risco nos últimos días a expectativa do cambio de Goberno.
Segundo os datos de Sigma Dos a partir de 8.677 entrevistas entre o 8 e o 14 de xullo, aínda que o PP creza, a caída de Vox fai que xogue ata seis escanos directamente co PSOE.
Esta sondaxe afirma que hai 26 escanos en disputa por menos de 4.000 votos na última semana de campaña, dos cales 16 se xogan entre os bloques de esquerda e dereita, o cal podería alterar considerablemente o resultado.
El País publica o último tracking diario de 40dB, que conclúe que na recta final da campaña a dereita acariña a maioría absoluta.
O PP situaríase nos 135 escanos (pinza de 131 a 139) e o 32,9 % dos votos, o PSOE nos 110 deputados (106-113) e o 28,7 %, Vox en 38 (37-40) e o 13,5 % e Sumar en 36 parlamentarios (35-39) e o 13,7 % das papeletas. Desta forma, o bloque da dereita situaríase nos 173 escanos, a tres da maioría absoluta.
Segundo a última enquisa de La Razón, o PP sobe a 153/156 escanos e consolida a súa vantaxe sobre PSOE, con 106/109. Vox, en caída, supera por un a Sumar: mentres o partido de Santiago Abascal se move entre 26/28 parlamentarios, a coalición de Yolanda Díaz entre 25/27.
O PP e Vox sumarían por tanto maioría absoluta, con 179 escanos no peor dos casos, e 184 no mellor. Segundo esta enquisa, Sánchez aguanta por encima dos 100 escanos grazas ao transvasamento de Sumar e ERC.
Nas últimas eleccións xerais, celebradas en 2019, o PSOE foi o partido máis votado e obtivo 120 escanos, seguido polo PP con 89, Vox con 52, Unidas Podemos con 35 e Cs con 10.