Publicador de contidos
Publicador de contidos

GAD3 pecha hoxe a enquisa do 18F para a CRTVG tras facer 3.500 entrevistas

GAD3 pecha hoxe a enquisa do 18F para a CRTVG tras facer 3.500 entrevistas

Entrevistou por teléfono 350 persoas cada día dende o inicio da campaña 

A marxe de erro coa que traballa a consultora é dun 2 %

G24.gal 17/02/2024 10:47 Última actualización 17/02/2024 12:38

A CRTVG ofreceralles este domingo ás 20:00 horas, co peche dos colexios electorais en Galicia, unha enquisa electoral encargada á consultora GAD3 co gallo das eleccións ao Parlamento galego.

A directora de comunicación de GAD3, María Martín, explicaba no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega que o sistema usado para realizala é o denominado "tracking-poll".

"(Permite) ir vendo non só o resultado final, ou como achegarnos ao resultado máis parecido ao da urna, senón que nos permite diariamente ir vendo os cambios de voto ou as tendencias de voto ao longo de toda a campaña electoral".

Dende o comezo da campaña ata este sábado fanse enquisas telefónicas  diarias -tanto a fixo como a móbil- a 350 galegos e galegas para un total de 3.500 entrevistas.

Martín indicou que as entrevistas se fan "autoponderado" en función de sexo e idade "en correspondencia co censo electoral galego e provincial, por peso dos escanos por provincia". 

"Collemos por provincia, autoponderado en función de sexo e idade e tamén do peso dos escanos por provincia".

A marxe de erro coa que traballan é dun 2 %. Unha marxe que Martín cualificou de "pequeniña" pero que "como as cousas terminen moi axustadas eses últimos escanos haberá que ver no escrutinio a ver que pasa con eles". 

Do analizado ata o de agora, María Martín tira que "nesta última semana non están notando indecisión", tampouco voto oculto e prevén un aumento de participación respecto ás autonómicas de 2020, en plena pandemia da covid. 

Entrevista completa na Radio Galega
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade