As enquisas dan un triunfo claro ao PSC nas eleccións catalás, con Puigdemont á alza
As enquisas dan un triunfo claro ao PSC nas eleccións catalás, con Puigdemont á alza
As sondaxes dan a Salvador Illa como favorito para facerse coa presidencia da Generalitat, quen tería que buscar apoios para a súa investidura, fronte ás forzas independentistas, que non suman unha maioría suficiente
O candidato do PSC, Salvador Illa, sitúase como claro favorito, a menos dunha semana das eleccións en Cataluña, segundo as enquisas que publican os principais diarios de Cataluña e do Estado, e que lle dan ao socialista uns 40 escanos, seguido de Junts e Carles Puidemont que obtería a segunda posición.
O panorama que debuxan esas sondaxes anticipan unha complicada situación postelectoral, coa formación de Puigdemont á alza e distanciándose de ERC, que quedaría en terceiro lugar, e con PP e Vox en cuarto e quinto lugar. Para formar goberno o PSC tería que buscar socios a un e a outro lado do seu prisma ideolóxico e o independentismo dificilmente alcanzaría a maioría absoluta.
Así, o PSC de Salvador Illa gañaría amplamente as eleccións catalás do próximo domingo cunha pinza de entre o 29,8 e o 33,2 por cento dos votos, segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que sitúa a Junts e ERC nun empate técnico en segunda posición.
A continuación, o PP ocuparía o cuarto posto ao conseguir un 9,6-11,9% dos sufraxios, Vox recibiría un 5,8-7,5%, Comúns Sumar un 5,0-6,7% e a CUP un 3,2-4,6%. Finalmente, Aliança Catalana tería un 3,0-4,4% de votos, Alhora un 0,6-1,3% e Cs estaría no último posto cun 0,5-1,0%, mentres que un 1,2-2,1% votaría a outros partidos e un 1,0-1,9% votaría en branco.
A última enquisa de Gesop para El Periódico reflicte que, nas últimas dúas semanas, o PSC sumou dous escanos e podería obter ata 42, Junts subiu tres deputados e podería chegar aos 37, e ERC deixou polo camiño ata sete parlamentarios e podería quedar con 21, unha ducia menos que as eleccións de 2021.
O PP e Vox empatarían con entre 10 e 11 escanos, Comuns Sumar acusa o crecemento socialista e quedaría entre 4 e 6 deputados e a CUP resistiría con entre 7 e 8 escanos, mentres Aliança Catalana entraría no Parlament con entre 3 e 4 parlamentarios e Cuidadanos desaparecería da cámara catalá.
ABC recolle unha enquisa de GAD3 segundo a cal o PSC gañaría as eleccións cun 30,1 % dos votos o que lle reportaría entre 41 e 44 escanos, seguido de Junts que, cun 22,1 %, obtería entre 33 e 34 escanos.
ERC, atendendo á mesma enquisa, cun 16 % obtería 25 ou 26 escanos, o PP cun 9,2 % en intención de voto alcanzaría os 12 ou 13 escanos e Vox cun 8,2 % podería conseguir entre 10 e 11 escanos.
Comuns Sumar situaríase en sexta posición cun 4,3 % de votos e 4 escanos, a CUP cun 3,5% obtería entre 3 e 4 escanos e a última formación política en conseguir representación parlamentaria sería Aliança Catalana que con 3,8 % obtería entre 1 e 3 escanos.
El País publica unha sondaxe realizada por 40dB segundo a cal o PSC, co 40 % dos votos, obtería entre 39 e 43 escanos; seguiríao Junts, co 36 % e entre 34 e 37 representantes; ERC, co 26 %, entre 24 e 26; PP entre 12 e 15, co 13 %, e Vox, tamén quinta forza con entre 8 e 12, co 10 %.
Comuns Sumar, co 5 % dos votos e entre 4 e 5 escanos, sería a sexta forza no arco parlamentario catalán, seguida pola CUP, que co 4 % obtería entre 2 e 5 mentres Aliança Catalana, co 1 %, entre 1 e 3.
A enquisa de Sigma Dos para El Mundo coincide tamén en dar unha folgada vantaxe ao PSC, que co 28,9 % dos votos obtería entre 41 e 43 escanos; Junts, tería entre 28 e 31 escanos co 20,1 % e ERC sacaría entre 27 e 30 representantes co 18,9 % dos sufraxios.
O PP co 8,7 % lograría entre 11 e 13 escanos; Vox, co 6,7 %, entre 7 e 9 parlamentarios e Comuns Sumar 5 ou 6, co 5,9 % dos sufraxios. Complementarían o arco parlamentario a CUP con entre 6 e 7 representantes, co 5,3% dos votos e Aliança Catalana con entre 2 e 4, co 2,6 %.
Na enquisa realizada por NC Report para La Razón, o PSC tamén sería claro vencedor co 28,4 % dos sufraxios e entre 39 e 40 representantes; Junts seguiríalle co 20,8 % dos votos e entre 34 e 35 escanos e ERC, no terceiro posto, co 17 % e entre 24 e 25 parlamentarios.
O PP obtería o 9,9 % e entre 13 e 14 representantes, seguido de Vox, co 7,3 % dos votos e 10 ou 11 escanos, cinco máis que Comuns Sumar que co 5,5 % estaría representado con entre 5 e 6 parlamentarios.
A CUP co 4,5 % de votos tería entre 4 e 5 e pecharía Aliança Catalana que co 3,2 % estaría representado por entre 1 e 3 parlamentarios.
Pola súa banda o dixital El Confidencial publica unha sondaxe de IMOP segundo o cal o PSC sería a primeira forza política cunha ampla vantaxe en votos (27,8 %) que se traduciría en 39-41 escanos, entre seis e oito máis dos seus 33 asentos actuais.
Junts tería unha estimación de voto do 22,4 % e obtería entre 36 e 38 parlamentarios, entre 4 e 6 escanos máis que os actuais, co que só Salvador Illa ou Carles Puigdemont, terían opcións para gobernar se tras as eleccións logran sumar unha maioría suficiente.
Outra enquisa de Electomanía para Crónica Global outorga 41 escanos ao PSC de Salvador Illa, Junts chegaría a 33 representantes no Parlament, un máis nos comicios de 2021, e ERC baixaría ata os 25 deputados, 8 menos que os actuais.