As estacións galegas prepáranse para reforzar rutas de autobús pola folga de Renfe
As estacións galegas prepáranse para reforzar rutas de autobús pola folga de Renfe
Prevén máis movemento xa cara á tarde coincidindo co inicio desta fin de semana de Entroido
A folga no transporte ferroviario obriga aos pasaxeiros que quedaron sen tren a buscar unha alternativa. Nas estacións de autobuses galegas, prevén sobre todo máis movemento xa cara á tarde coa saída dos estudantes nas estacións de Santiago e Vigo coincidindo co inicio desta fin de semana, en que xa estaban preparados para reforzar as liñas de autobuses cara a Ourense polo Entroido.
Incrementaron o persoal na venda de billetes e están coordinados para aumentar o número de autobuses nas rutas que reciban máis demanda. Con todo, piden comprensión e aseguran que tratarán de dar cabida a todos os pasaxeiros.
María Solla, responsable da Estación de autobuses de Vigo, explica que están "coordinados todos os departamentos de Tráfico con Santiago, coa Coruña, con Pontevedra e con Ourense, para utilizar os autobuses de reforzo e facilitar aos usuarios o acceso ao transporte. Tamén nos despachos presenciais reforzamos a estación de Vigo cun vendedor máis para que se poidan vender máis billetes e a xente poida acceder ao autobús máis rápido".