As granxas de ovino, en plena campaña de rapa das ovellas
As granxas de ovino, en plena campaña de rapa das ovellas
Os Rapadores da Montaña Lucense encárganse de tosquiar o gando dos socios de Ovica
Non sen traballo, as 350 ovellas dunha explotación ovina de Penamazada, na parroquia polense de Valonga, foron conducidas ao curro para seren tosquiadas. Por razóns sanitarias e produtivas, procúrase rapalas antes da chegada da calor estival.
Joan Alibés, criador de ovellas: "Rapamos unha vez ao ano porque hai que alivialas e tamén por cuestións sanitarias. A mágoa é que non se aproveita a la xa que agora mesmo non ten valor. Necesitariamos que se establecese un sistema seguro de recollida de la".
Coma nas últimas campañas, os encargados de tosquiar as ovellas foron os Rapadores da Montaña Lucense. Trátase dun grupo de profesionais procedentes de Negueira de Muñiz que veñen realizando estes labores para os socios de Ovica e para outros criadores.
Joan Alibés, criador de ovellas: "Utilizan o método neocelandés, tamén chamado australiano, que é moi rápido e cómodo para as ovellas. Veñen tardano entre un minuto e un minuto e medio por ovella, polo que hoxe mesmo habemos acabar co rabaño enteiro".
O custo de rapar as ovellas é dun euro e medio por cabeza.