As inmobiliarias auguran efectos negativos do novo índice para subir os alugueiros
As inmobiliarias auguran efectos negativos do novo índice para subir os alugueiros
Vaticinan prezos de arranque máis altos e unha redución da oferta
O índice de referencia que substitúe este ano o IPC na renovación dos contratos de arrendamento de vivenda afecta de momento aos asinados logo do 25 de maio de 2023, cando entrou en vigor a lei estatal de vivenda. Os anteriores sumaranse progresivamente, segundo vaian vencendo.
Aínda que a súa intención é evitar incrementos de prezo desproporcionados, na Federación Galega de Empresas Inmobiliarias cren que terá efectos colaterais negativos.
"O propietario di: estou obrigado por lei durante cinco anos a ter a vivenda alugada, se ademais me poñen un tope ao prezo do alugueiro, unha de dúas, ou non alugo ou se alugo, alugo máis caro", explica o presidente de FEGEIN, Benito Iglesias.
Na federación propoñen actuar sobre a oferta, en vez de sobre os prezos. Subliñan que a oferta está en mínimos históricos -en Galicia, con pouco máis de 2.500 vivendas no circuíto de comercialización-, e sinalan a lei estatal de vivenda como unha das causas.
"Porque o que creou a lei estatal de vivenda é un desequilibrio entre as obrigas e os dereitos de propietarios e inquilinos", asegura Benito Iglesias.
O presidente da Federación Galega de Inmobiliarias recorda que hai máis de medio millón de vivendas baleiras en Galicia e insiste en que para favorecer a súa saída ao mercado sería preciso modificar a lei.
"Para dar esa seguridade xurídica, esa confianza que necesita o propietario para mobilizar esa vivenda baleira ao mercado do alugueiro", puntualiza.
Benito Iglesias reclama tamén que as vivendas e o solo en mans da Sareb, o banco malo, sexan devoltas a custo cero para promover vivendas de protección oficial.