As inundacións en Kenya deixan xa 179 mortos e 90 desaparecidos
As inundacións en Kenya deixan xa 179 mortos e 90 desaparecidos
Preto de dous millóns de kenyanos necesitan axuda alimentaria
O portavoz do Goberno de Kenya Isaac Mwaura informou este mércores de que os mortos polas graves inundacións que arrasan o país son xa 179, incluídos 15 nenos, 90 persoas están desaparecidas e hai 125 feridas.
Estas cantidades aumentaron nas últimas 24 horas despois de se recuperaren dez corpos máis e outras 20 persoas seren dadas por desaparecidas
As inundacións en Kenya, inmersa na súa tempada longa de choivas, causaron ata a data o desprazamento de 31.341 fogares, con 195.011 persoas afectadas, segundo os últimos datos do Goberno.
As autoridades despregaron operacións de axuda nos condados máis afectados e, do mesmo xeito que organizacións como Cruz Vermella, están a repartir comida a persoas que tiveron que abandonar os seus fogares.
Segundo un informe da Autoridade Nacional de Xestión da Seca (NDMA, en inglés) publicado o martes, as tormentas agravaron a falta de comida en Kenya ata o punto de que preto de dous millóns de kenyanos necesitan axuda alimentaria.
Mwaura pediu aos cidadáns que permanecesen alerta e seguisen as indicacións das autoridades, sobre todo en zonas especialmente vulnerables, como os arredores de presas ou outras reservas de auga.