Publicador de contidos
Publicador de contidos

As linguas cooficiais estréanse este martes no Congreso

As linguas cooficiais estréanse este martes no Congreso

Poderanse escoitar con tradución simultánea as intervencións que fagan os deputados en galego, catalán e éuscaro

Os gastos do uso das linguas cooficais nos plenos que se celebren de aquí a finais de ano serán de case 280.000 euros

Haberá seis tradutores e distribuiranse auriculares aos 350 deputados

Europa debate este martes sobre o uso das linguas cooficiais

Operarios instalando o sistema de tradución simultánea no Congreso Operarios instalando o sistema de tradución simultánea no Congreso
G24.gal 18/09/2023 16:27 Última actualización 18/09/2023 20:52

O Congreso abrirá este martes o seu primeiro pleno da XV lexislatura dando protagonismo ás linguas cooficiais. Por primeira vez poderanse escoitar con tradución simultánea as intervencións que fagan os deputados en galego, catalán e éuscaro. Varios intérpretes encargaranse de traducir as palabras que serán pronunciadas nestas tres linguas cooficiais nun pleno en que precisamente se debaterá a reforma do regulamento do Congreso que permitirá este uso de forma definitiva en toda a actividade parlamentaria.

Por primeira vez na cámara baixa, distribuiranse auriculares aos 350 deputados que queiran escoitar as intervencións que, con toda seguridade, farán nas súas linguas maternas portavoces e deputados de ERC, de JxCAT, de EH Bildu, do PNV ou do BNG.  O BNG, Junt e ERC empregarán as súas linguas mentres que PNV e Bildu alternarán en castelán e éuscaro.

A nova presidenta do Congreso, Francina Armengol, cumpre así co compromiso que adquiriu na sesión constitutiva das Cortes. 

Para esta primeira sesión o Congreso contratou seis tradutores, un número que se incrementará ata 12 en futuras sesións plenarias. A cámara baixa estima que os gastos derivados do uso das linguas cooficiais nos plenos que se celebren de aquí a finais de ano será de case 280.000 euros. 

Para os medios de comunicación habilitaranse dous sinais de son do hemiciclo, un sen tradución e outro con ela, co fin de que poidan ter a intervención na lingua orixinal. O que aínda non está resolto son as conferencias de prensa que poidan ofrecer algúns deputados, sobre todo de formacións independentistas catalás, xa que fontes parlamentarias inciden en que estas situacións non están reguladas pola cámara.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade