As luces de Nadal engalanan toda Galicia atraendo cada ano máis visitantes
As luces de Nadal engalanan toda Galicia atraendo cada ano máis visitantes
Cada ano máis localidades súmanse á moda de incorporar atractivas decoracións
Facemos un percorrido polos máis famosos alumeados da nosa comunidade
Seguimos no Nadal para ver como locen as cidades e vilas galegas durante estas festas. Vigo conságrase un ano máis como o epicentro do alumeado onde chega xente de toda España e mesmo doutros países. Pero as pequenas localidades non quedan atrás e cada ano hai máis lugares que brillan con luz propia.
Once millóns de luces cos que Vigo arrancaba o acendido de Nadal cunha multitude totalmente entregada na Porta do Sol que acolleu unhas 9.000 persoas. Presidida por unha árbore de máis de 35 metros de altura, e ante a presenza duns 30 medios de comunicación e 60 xornalistas, as luces desataron a maxia e tamén a euforia.
O día 2 de decembro Santiago, Ferrol, Ourense e Lugo prendían a súa iluminación e un día máis tarde a cidade da Coruña. Ourense, ademais de ter a árbore máis alta de Galicia, tivo a mestra de cerimonia máis lonxeva, Esperanza Cortiñas, con 106 anos.
Vilas e aldeas
Pero o Nadal non só engalana cidades se non tamén vilas e aldeas. Vilanova dos Infantes é outra parada obrigada nas rutas galegas do Nadal. Os veciños participan na elaboración das pezas con materiais reciclados e na decoración das rúas e prazas. Este ano cunha lembranza especial para os cidadáns de Ucraína. O resultado é unha das decoracións de Nadal máis bonitas de Galicia.
Os veciños da Fraga, na Cañiza, tamén se unen para decorar o barrio. Todo comezou para ver quen poñía a mellor iluminación e finalmente acabaron xuntándose para lograr un resultado que nada que envexarlles ás grandes cidades.
Allariz é unha das localidades máis atractivas de toda Galicia cunha decoración baseada en elementos artesanais, tradición e reciclaxe. Sen grandes estruturas, cun alumeado modesto e un baixo orzamento, o centro urbano de Allariz convértese nun poboado navideño.
Límite horario
Xa non hai restricións por mor da pandemia, pero vivimos en plena crise enerxética, por iso a maioría dos concellos limitan o horario das luces para aforrar entre un 10 e un 15 %. Tempo máis que suficiente para vestir con traxes de festa as cidades, vilas e aldeas galegas que locen brillantes coma nunca.