Publicador de contidos
Publicador de contidos

O alumnado da Asociación Xoán XXIII prendeu as luces do Nadal de Poio

O alumnado da Asociación Xoán XXIII prendeu as luces do Nadal de Poio

Dous coidadores e oito internos da residencia da Asociación Xoán XXIII en Pontevedra premeron o botón de acendemento de todo o municipio

G24.gal 30/11/2024 21:38

Nesta fin de semana previa á gran ponte de decembro foron moitas as vilas galegas que prenderon as súas luces do Nadal. En Poio o protagonismo non foi para o número de adornos nin de leds senón para os que premeron o botón das luces, os alumnos da asociación Xoán XXIII.

As luces do Nadal do concello de Poio, as da praza do Mosteiro e todas as de todo o municipio están xa acesas, así como están en funcionamento as sete aldeas do Nadal. Este acto do acendemento xuntou os veciños aos que neste 2024 se lles sumaron os homes e mulleres da Asociación Xoán XXIII, entidade sen ánimo de lucro que promove a  inserción sociolaboral das persoas con discapacidade intelectual.

Aquí, en virtude dun convenio co concello, fan labores de xardinería. E foi un pequeno grupo dos internos na residencia que ten a entidade en Pontevedra o encargado de premer o botón para acender o Nadal de Poio.    

Dous coidadores e oito internos da residencia que ten a asociación Xoán XXIII en Pontevedra premeron o botón do acendemento de todo o municipio. 20 alumnos desta entidade pontevedresa son de Poio. Por iso o concello quere recoñecerlles como melloran a calidade de vida dos seus veciños.

"Nós con ese cederlles o acendemento do Nadal de Poio queriamos facerlles ese recoñecemento a todo o labor que están facendo desde a Fundación e desde a Asociación Xoán XXIII en favor destas familias e destes alumnos para facer unha inclusión real. Para o noso concello é un orgullo que sexan eles os que fagan ese prendido, os que teñan ese protagonismo e responsabilidade", conta a TVG Ángel Moldes, o alcalde de Poio.

"Comunicámoslles aos usuarios e usuarias que ían ser eles os que premerían o botón das luces e con toda a ilusión recibiron a noticia. Contentos e felices porque ao final é un acto bonito aquí no concello, nunhas datas tan sinaladas. E claro que están moi contentos", sinala Xosé Manuel Prado, coidador na Asociación Xoán XXIII.

O Nadal de Poio comezou este sábado e durará ata o 6 de xaneiro. Ofrecerá sesenta actuacións e actividades itinerantes. Ademais das sete aldeas do Nadal en Samieira, Lourido  Raxó ou Combarro. Neste día de inauguracións ofreceron chocolate quente e unha pequena festa na praza do Mosteiro.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade