As máscaras deixan de ser obrigatorias desde este mércores no ámbito sanitario
As máscaras deixan de ser obrigatorias desde este mércores no ámbito sanitario
Aconséllase o seu uso a persoas sintomáticas cando estean en espazos compartidos e aos profesionais que as atenden
Recoméndaanse tamén en coidados intensivos, unidades de pacientes vulnerables, e nas urxencias hospitalarias
As máscaras deixan de ser obrigatorias desde este mércores nos espazos onde aínda se mantiña o seu uso, como centros sanitarios, sociosanitarios e farmacias, tras publicar o Boletín Oficial do Estado (BOE) o acordo do Consello de Ministros que declara a fin da crise sanitaria pola COVID-19, que entra en vigor hoxe mesmo.
Con todo e aínda que decae a obrigatoriedade, o acordo apela á "cultura da responsabilidade" e recomenda o uso da máscara ás persoas que traballan nas unidades de coidados intensivos e unidades de pacientes vulnerables e nas urxencias hospitalarias ou de atención primaria, incluída a sala de espera.
Tamén se aconsella o seu uso a persoas sintomáticas cando estean en espazos compartidos e aos profesionais que as atenden, e en residencias de maiores e persoas con discapacidade, contornas en que viven as persoas máis vulnerables, aínda que "non se recomenda o seu uso universal".
Segundo o texto aprobado onte en Consello de Ministros, no caso de residencias e centros de persoas con discapacidade, recoméndase tomar precaucións adicionais se houber aparición de síntomas en traballadores, residentes ou visitantes, para evitar gromos e coidando o benestar físico e emocional dos maiores.