O BOE publica a lei que beneficia, entre outros, a presos da ETA que cumpriron penas no estranxeiro
O BOE publica a lei que beneficia, entre outros, a presos da ETA que cumpriron penas no estranxeiro
Malia que o PP utilizou a súa maioría no Senado para rexeitar a reforma legal, o martes, o PSOE e Sumar deron por aprobada definitivamente a lei
A norma, que entra en vigor en 20 días, permitiralles a reclusos, entre eles presos da ETA saír antes do cárcere ao contabilizar as condenas xa cumpridas previamente en Francia
O PP avanza que presentará un conflito de competencias contra o Congreso ante o Tribunal Constitucional
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este sábado a lei lei que valida penas de cárcere a presos da ETA que cumpriran condena fóra de España e, segundo consta na publicación oficial, entrará en vigor dentro de 20 días.
Trátase, en concreto, da Lei orgánica 7/2014, do 12 de novembro, sobre intercambio de información de antecedentes penais e consideración de resolucións xudiciais penais na Unión Europea, para adecuala á normativa da Unión Europea sobre o Sistema Europeo de Información de Antecedentes Penais (ECIS).
Esta norma foi aprobada inicialmente por unanimidade no Congreso e só na súa última fase parlamentaria no Senado, tras unha denuncia da Asociación de Vítimas do Terrorismo queixándose de que a validación de penas tamén afectaba a presos da ETA, perdeu o apoio do PP e de Vox e foi rexeitada polo pleno da cámara alta o luns pasado.
O Senado, coa maioría absoluta do PP e un informe da Secretaría Xeral, interpretou que ese rexeitamento por maioría absoluta en última votación debía interpretarse como un veto, a pesar de que ningún grupo presentara previamente a correspondente emenda de totalidade. Ao día seguinte, e tras un informe verbal dos letrados, a mesa do Congreso, coa maioría que forman o PSOE e Sumar, decidiu dar por aprobada esa lei e enviala ao Goberno, ignorando a reclamación do Senado e subliñando que a cámara alta saltou todos os prazos para vetar a norma.
Un rexeitamento fóra de prazo non é un veto
Tres días despois, este venres, publicouse esa decisión no Boletín das Cortes Xerais, subliñando que o Senado non comunicou o seu veto nos termos que esixe a Constitución e que a votación de rexeitamento, producida fóra de prazo, "non pode considerarse un veto para os efectos do disposto no artigo 90.2 da Constitución e na xurisprudencia constitucional".
En consecuencia, informábase de que a Presidencia da cámara, que ocupa Francina Armengol, trasladaría o proxecto de lei á Presidencia do Goberno "para os efectos de que se someta, polo procedemento habitual ao disposto no artigo 91 da Constitución", é dicir, o asinamento por parte do Rei e a inmediata publicación no Boletín Oficial do Estado, que se produciu este sábado.
Pechase así de xeito definitivo a posibilidade de que a mesa do Congreso rectifique a súa decisión do martes pasado e convoque un pleno para tratar o veto do Senado, que é o que pedía o Grupo Popular no seu recurso de reconsideración.
Para o PP, esa decisión, da que "discrepa profundamente", é un "desatino xurídico" que "non se axusta a Dereito" e "despreza a vontade maioritariamente manifestada" do Senado, ademais de vulnerar o dereito da participación política dos seus deputados.
O rexeitamento deste escrito de reconsideración pode ser prólogo dun recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional.