Publicador de contidos
Publicador de contidos

O BOE publica o decreto co primeiro paquete de axudas a afectados pola DINA

O BOE publica o decreto co primeiro paquete de axudas a afectados pola DINA

O real decreto-lei abrangue disposicións por valor de 10.600 millóns de euros e entrará en vigor este xoves

Sánchez rexeita substituír a Generalitat Valenciana na xestión da DINA "por eficacia"

Efectivos da Policía Local traballan para despexar unha rúa de Paterna (Valencia), unha semana despois do paso da DINA (EFE / Manuel Bruque) Efectivos da Policía Local traballan para despexar unha rúa de Paterna (Valencia), unha semana despois do paso da DINA (EFE / Manuel Bruque)
G24.gal 06/11/2024 08:42 Última actualización 06/11/2024 10:35

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este mércores o real decreto-lei co primeiro paquete de medidas por valor de 10.600 millóns de euros para axudar a particulares, autónomos e empresas afectados pola DINA.

Este real decreto-lei foi aprobado este martes polo Consello de Ministros, entrará en vigor este xoves e inclúe axudas urxentes para afectados en 78 municipios das comunidades autónomas valenciana, castelán-manchega e andaluza.

O presidente do Goberno Pedro Sánchez informou este mércores de que a listaxe de municipios (75 da Comunidade Valenciana, dous de Castela-A Mancha e un de Andalucía) poderá ampliarse a outros "en función das necesidades".

As medidas forman parte do denominado Plan de resposta inmediata de reconstrución e de relanzamento da Comunidade Valenciana, que ten tres fases: unha primeira de resposta inmediata e urxente ante a catástrofe aprobada este mércores, unha segunda de reconstrución das zonas afectadas e unha terceira de relanzamento da rexión. 

Contías das axudas directas

A axuda pola destrución total da vivenda habitual será de 60.480 euros, mentres que será de 41.280 euros para os danos que afecten a estrutura da vivenda habitual e de 20.640 euros se non está afectada a estrutura.

Por destrución ou danos nos aveños domésticos de primeira necesidade da vivenda habitual recibiranse 10.320 euros e polos danos en elementos comúns de uso xeral dunha comunidade de propietarios horizontal, 36.896 euros.

As axudas directas a empresas dependen do volume de operacións do exercicio 2023, de forma que se obterán 10.000 euros para un volume de operacións inferior a 1 millón de euros, 20.000 euros se estivo entre 1 e 2 millóns, 40.000 euros se estivo entre 2 e 6 millóns, 80.000 euros se foi de entre 6 e 10 millóns de euros, e 150.000 euros se foi máis de 10 millóns.

Todas estas axudas estarán exentas de tributación tanto no imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF), como no imposto sobre sociedades (IS).

Para facilitar a súa xestión e obtención, o decreto exime da obrigación de atoparse ao corrente no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social.

Vixencia da incapacidade temporal extraordinaria

A baixa laboral extraordinaria (incapacidade temporal) aplicarase aos procesos que teñan lugar as localidades afectadas relacionadas no decreto entre o 29 de outubro e o 30 de novembro de 2024, e que se iniciaron como consecuencia da dana.

Esta incapacidade extraordinaria asimila os danos físicos ou psicolóxicos provocados pola dana a un accidente laboral a efectos da prestación da Seguridade Social, o que garante aos afectados o 75 % do seu salario desde o primeiro día de incapacidade.

Contratos de consumo

Respecto aos contratos de consumo subscritos por persoas afectadas, establécese que se o empresario pode executar o contrato, pero a persoa consumidora non pode recibir o ben ou non poida gozar do servizo ou da subministración, confírese a estas persoas o dereito para optar entre a resolución do contrato ou o aprazamento da súa execución.

Óptase por "positivizar" a cláusula rebus sic stantibus que xustifica a modificación dos contratos na alteración substancial das circunstancias nas que se subscribiron, dado que está "amplamente presente na doutrina e xa materializada noutras normas ante situacións de crises ou catástrofes".

Control orzamentario

Para permitir o seguimento e control das medidas adoptadas, o decreto establece que calquera expediente de gasto que se tramite para o efecto deberá imputarse ao programa orzamentario "Continxencias asociadas á Depresión Illada en Niveis Altos (DINA) de 2024", que se crea para esta finalidade en cada sección orzamentaria.

Suspensión da lexislación de residuos

Suspéndese a aplicación de determinados requisitos procedementais establecidos na lexislación sectorial de residuos para facilitar os labores de limpeza e recuperación das zonas afectadas.

Así mesmo establécense as medidas aplicables ás autorizacións de verteduras ao dominio público hidráulico (leitos de correntes naturais, leitos de lagos e lagoas, e encoros superficiais) en caso de non ser posible o cumprimento de todas ou algunha das condicións establecidas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade