Adeus á pandemia; o Goberno dá por finalizada a crise sanitaria da covid-19
Adeus á pandemia; o Goberno dá por finalizada a crise sanitaria da covid-19
O Consello de Ministros aproba o decreto que elimina as últimas medias extraordinarias para facer fronte á pandemia e pon fin á obrigatoriedade da máscara en centros sanitarios e sociosanitarios
O Consello de Ministros aprobou este martes o decreto que pon fin á crise sanitaria por COVID-19 en España e, por tanto, á obrigatoriedade do uso das máscaras en centros de saúde, hospitais, farmacias e centros sociosanitarios, segundo anunciou en conferencia de prensa o ministro de Sanidade José Miñones.
"Acordamos, tres anos despois do comezo da pandemia, a fin da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19", dicía Miñones na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros, para comunicar que "decaían todas as medidas extraordinarias acordadas ligadas á crise".
"O Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, de forma consensuada e co relatorio de alertas a través dos expertos que compoñen a mesma de cada unha das comunidades autónomas, consideraban que a COVID-19 foi controlada e aínda que a enfermidade segue presente, xa non supón unha situación de crise sanitaria", apuntou Miñones, que aclarou que a entrada en vigor será efectiva o mesmo día da súa publicación no BOE.
Lembrou que a situación, desde novembro de 2022, dá mostra deunha "tendencia decrecente" no que respecta a falecementos e hospitalizacións. Isto, xunto co feito dunha menor virulencia da variante Ómicron, a alta taxa de vacinación e a infección natural da poboación española, fai que esta enfermidade xa non constitúa unha situación de crise sanitaria en España, insistiu.
O ministro de Sanidade destacaba a necesidade de "manter a cultura da responsabilidade que adquirimos durante todos estes anos", no sentido de empregar con prudencia e cando sexan necesarias esas medidas que hoxe se eliminan.
Así, o acordo subliña "a especial vulnerabilidade dos centros sanitarios" e "a necesidade de reforzar o uso da máscara en determinados contextos": Persoas que traballan en unidades de coidados intensivos e en unidades con pacientes vulnerables; urxencias hospitalarias ou de atención primaria, incluída a sala de espera; centros residenciais de maiores e persoas con discapacidade, e persoas sintomáticas cando estean en espazos compartidos e profesionais que as atenden.
No caso das residencias de maiores e persoas con discapacidade, o acordo insta a tomar "precaucións adicionais no caso de aparición de síntomas en traballadores, residentes ou visitantes, para evitar brotes e coidando o benestar dos maiores, tanto físico como emocional".
José Miñones concluía a súa intervención dicindo: "Saímos moito máis fortes para afrontar os retos do futuro, e 1.207 días despois o Consello de Ministros pon fin á emerxencia sanitaria causada pola COVID-19".
"Máis de tres anos despois, podemos dicir, sen baixar a garda: Adeus a unha pandemia que marcou as nosas vidas", sentenciou.
A máscara á que nos fomos afacendo
Hai case ano e medio que puidemos sacala en exteriores, logo en espazos pechados, e este febreiro deixou de ser obrigatoria no transporte público. Os sanitarios e sociosanitarios eran os únicos espazos en que aínda se esixía o uso da máscara, e a moitos xa lles tardaba quitala.
Levar a máscara pasa a ser unha recomendación en centros sanitarios e sociosanitarios, como nas farmacias. Iso si, piden que se active outro filtro: o da responsabilidade.
"Que todo o mundo recorde a utilidade da máscara cando está infectado, ou ten unha dolencia a outras persoas", apunta Pilar Martínez, farmacéutica. "Un ten que ser responsable. Estou enfermo, pois poño a máscara. Creo que podo ter covid, pois fago un test antes de andar a contaxiar a todo o mundo", di Amparo Cortés, tamén boticaria.
Sen ser obrigatoria, as autoridades sanitarias chaman a reforzar o uso da máscara sempre que se teñan síntomas e en determinados contextos como as UCI, as unidades con pacientes vulnerables, ou as de urxencias.
"Ter unha precaución con determinados pacientes, como inmunodeprimidos, pacientes de UCI, das camas de críticos", explica Javier Puente, xerente da Área sanitaria de Vigo.
"Eu creo que as máscaras viñeron par ser usadas de xeito natural en determinadas situacións", cre María José Pereira, xefa de Medicina Preventiva do CHUAC.