Os Reis Magos reparten regalos por toda Galicia
Os Reis Magos reparten regalos por toda Galicia
Estáticas ou en movemento, os Reis coinciden: os nenos galegos portáronse moi ben
Piden aos cativos que se deiten cedo para poder traballar arreo toda a noite deixando agasallos
Nin a chuvia nin a Covid puideron coa ilusión de ver os Magos. O 5 de xaneiro é un dos días máis máxicos do ano: o que nos trae as cabalgatas de Reis a todas as cidades e vilas.
A cabalgata máis literaria estivo en Vigo
En Vigo, máis de 35.000 persoas pasaron ao longo da tarde pola avenida Castelao para ver as Maxestades, pero sobre todo para inundar de alegría, maxia e ilusión as rúas de Vigo.
Fixérono ao tempo que gozaban da cabalgata inspirada nas novelas máis emblemáticas do autor, escritor, dramaturgo e poeta Julio Verne.
En Vigo houbo que pedir cita previa na web do concello para poder saudar de preto os Reis Magos. A chuvia obrigou a celebrar esta cabalgata estática só en horario de tarde, de dúas a nove e media da noite.
Aínda así, todos os cativos tiveron tempo para disfrutar dunha xornada máxica inspirada na imaxinación de Julio Verne.
As Maxestades fixeron horas extra en Lugo
En Lugo a cabalgata foi estática. Malia que nun principio estaba previsto que rematase ás 19:30, o certo é que houbo tantos cativos que tiveron que prolongar o seu traballo porque non deixaron sen recibir a ningún neno.
Na súa tarefa tiveron a axuda de máis de cen persoas e repartiron máis de 3.000 kg de caramelos.
A explanada do Auditorio Gustavo Freire Lugo encheuse de animais xigantes da sabana para recibir a Melchor, Gaspar e Baltasar. Cebras, gorilas e ata Unicornios fixeron que os pequenos esquecesen por completo este frío de xaneiro.
Cartas en man para os Reis composteláns
En Santiago, as súas maxestades de Oriente recibiron os cativos en Bonaval. E por se acaso non lles chegaran todas as cartas, algún neno levoulles directamente a súa na man. Alí Baltasar dixo que está encantado co bos que foron os rapaces este ano.
Os Reis Magos teñen fichados todos os nenos pontevedreses
E para gardarse da chuvia, en Pontevedra trasladaron ao recinto Feiral a recepción aos Reis de Oriente. Os nenos puideron saudalos dende unha certa distancia. Pero os reis non están preocupados porque xa os coñecen a todos. Iso si. Non saben se os seus paxes darán cargado esta noite con todo o que pediron os rapaces.
Os Magos máis veloces foron os de Ourense
A tarde en Ourense estivo cargada de espectáculo, emocións e moitas sorpresas porque os Reis Magos chegaron á cidade por primeira vez no AVE.
Os tres magos aproveitaron a vantaxe e chegaron á cidade no tren das cinco e media, pero unha vez alí, para sorpresa de todos, subiron aos camelos, o mesmo medio de transporte que xa utilizaban hai 2000 anos cando se fixeron famosos.
Os Reis e os camelos formaron parte dunha cabalgata dinámica que percorreu as rúas da cidade entre multitude de xente. Iso si, con todas as precaucións, cumplindo co protocolo anticovid.
De feito, modificaron o percorrido para evitar aglomeracións e, finalmente, a cabalgata rematou no xardín do Posío e cancelouse a recepción Real.
Malia todo, pequenos e maiores gozaron desta cabalgata que estivo chea de luz, de cor, de moita música e moita fantasía.
Deixaron abraiados a pequenos e a maiores, que só empregaron o paraugas para enchelos de caramelos. Ata tres toneladas lanzaron nunha cabalgata que encheu de ilusión e emoción a cidade das Burgas.
Na Coruña, os Reis andaron 3 km con máis de 150 acompañantes
Na Coruña, a cabalgata dinámica dos Reis Magos durou máis das dúas horas que estaban previstas nun primeiro momento.
Durante máis de tres quilómetros andaron as carrozas de Melchor, Gaspar e Baltasar acompañadas de moita xente e moita animación, con música e máis de 150 figurantes.
Dos Mallos ata María Pita sempre por rúas amplas para evitar aglomeracións. Botáronse tamén 7 toneladas de caramelos.
E en Ferrol, na outra cabalgata con percorrido, tamén só rúas grandes e máxima expectación.
Nin en Ferrol, nin na Coruña, nin en Ourense houbo as tradicionais recepcións oficiais, cousa da covid.
Deitarse todos cedo que vén unha noite longa.