As mázcaras e os folións animan o Entroido de Manzaneda
As mázcaras e os folións animan o Entroido de Manzaneda
As montañas do Macizo Central ourensán conservan os entroidos máis enxebres e máis íntimos da provincia
Os folións visitan os veciños de aldea en aldea
Para vestir unha mázcara cómpre tempo, axuda e tamén experiencia, porque non vai cada cousa no seu sitio.
"A braga sempre vai por riba. E por riba da braga, unha combinación. Non sei se era porque os homes querían imitar as mulleres, pero saíulles mal, porque agora hai máis mulleres ca homes nas mázcaras", explica Zulema, veciña de Manzaneda, mentres axuda unha nena a se vestir.
As mázcaras son un dos traxes máis coloridos do Entroido na provincia de Ourense, pero non é esa a súa característica principal, senón a peculiar danza que interpretan. Un baile que os máis novos van aprendendo dos maiores, aínda que xa ninguén lembre como empezou.
"Non sabemos. Foi algo que se foi transmitindo de xeración en xeración e ata hoxe", comenta Miriam, a primeira muller danzante.
Bailan ao ritmo do folión que os acompaña tamén de aldea en aldea.
"É unha cousa que estás esperando dun ano para outro cun fervor que despois, cando chega, bótalo todo aí", di Rubén, unha das mázcaras de San Martiño.
Un Entroido rural, da montaña, que o que procura é a convivencia entre a veciñanza, sempre xenerosa cos seus folións e danzantes.
"Imos de parroquia en parroquia, tocando polas casas e, ao parar, os das casas ofrécennos bebida e comida", explica Miriam.
Só lles preocupa que a chuvia non lles permita entregarse a fondo nos días grandes do Entroido.