A neve mantén as montañas de Lugo e Ourense en aviso amarelo
A neve mantén as montañas de Lugo e Ourense en aviso amarelo
A vía que vai ao poboado do Cebreiro está pechada para o tráfico de camións
Hai dificultades para circular por algúns puntos da A-6 e da A-52
Comezaba a nevar coas primeiras luces do día e ao mediodía a cota xa está por baixo dos 700 metros. Hai aviso amarelo por acumulacións de ata 15 centímetros nas montañas de Lugo e Ourense e a previsión de MeteoGalicia di que á tarde a cota podería seguir baixando.
Se van desprazarse extremen as precaucións nas estradas porque aínda que non hai ningunha pechada, si que hai dificultades nalgúns puntos da A-6 e da A-52.
As máquinas quitaneves tratan de manter limpa a rede viaria. As vías principais están abertas, pero na A-6, á altura das Nogais, hai que transitar con precaución e na estrada que vai ao Cebreiro non poden circular camións.
A neve chega á montaña ourensá
"Dende as oito da mañá segue nevando así, aínda que non podemos abrir por vento isto é bo porque despois poderemos traballar e poderemos abrir todas as pistas", explica Víctor Picos, director da Estación de montaña de Manzaneda.
De feito as precipitacións en forma de neve chegaron a boa parte do oriente ourensán por riba dos novecentos metros de altitude.
Hoxe o vento complicoulles as cousas os esquiadores. Con refachos darredor dos cen quilómetros por hora resultou imposible poñer en marcha a telecadeira. Con todo, alternativas aquí nunca faltan.
"Non estamos moi seguros de se vai abrir a estación de esquí ou non entón estamos aproveitando para tirarnos coa nena que tampouco ten moita intención de esquiar ela".
"Está moi bonito, cómese moi ben, as persoas son moi amigables, recibíronnos moi ben e por iso volvemos máis".
Baixan as temperaturas e tamén a cota de neve, que no resto da xornada estará na provincia de Ourense nos setecentos metros.
"Recomendar o uso de cadeas, que teñan os depósitos cheos".
O aviso amarelo por nevaradas activo hoxe no sur e a montaña de Ourense prolongarase tamén na xornada de mañá.
Marzo entrou en Galicia cun tempo invernal e o aviso amarelo por neve nas montañas de Lugo e Ourense que se manterá aínda nas primeiras horas do domingo.
De feito a neve dificultou a circulación en varias estradas. Obrigou a cortar o paso dos camións na A-6 desde a localidade leonesa de Portela de Valcarce e a lucense de Pedrafita. E en Ourense viuse afectada a A-52 entre Canda e Vilavella.
Na estación de Manzaneda o vento complicou a xornada, con refachos darredor dos cen quilómetros por hora. Resultou imposible poñer en marcha o telecadeira.
Na xornada do domingo cómpre manter a precaución coa neve que continuará caendo a partir dos 800 metros.