Avisos este martes por choiva, vento e temporal costeiro pola chegada de Kirk
Avisos este martes por choiva, vento e temporal costeiro pola chegada de Kirk
Haberá aviso laranxa nas provincias de Pontevedra e A Coruña con choivas de 80 litros por metro cadrado en 12 horas e ventos de ata 80km/h
Ourense e as montañas de Lugo estarán baixo aviso amarelo cunha previsión de 40 litros por metro cadrado en 12 horas
A chegada de Kirk a Galicia este martes manterá a boa parte do territorio galego en aviso por intensas precipitacións e fortes ventos no interior e a costa; unha situación que empeorará para o mércores.
Este martes, os avisos estarán activos, principalmente, na Coruña e Pontevedra, onde se agardan choivas de ata 80 litros por metro cadrado en 12 horas que manterá en alerta laranxa a totalidade do territorio das provincias salvo o interior coruñés.
Con todo, esta última zona xunto o sur de Ourense e as montañas de Lugo e Ourense estarán en aviso amarelo pola previsión de 40 litros por metro cadrado en 12 horas.
O vento, con refachos de entre 70 e 80 quilómetros por hora, tamén obriga este martes a activar avisos. Será en toda a provincia da Coruña e na de Pontevedra, así como na Mariña lucense e, de novo, a zona de montaña de Lugo e Ourense.
Os fortes refachos farán que este martes estea en aviso toda a costa de Galicia, salvo o litoral de Lugo, por ventos do suroeste de forza sete. De feito, só o interior da provincia de Lugo escapará de estar en aviso por temporal este martes.
Aviso laranxa e ondas de ata sete metros o mércores
A situación empeorará para a xornada do mércores, cando toda Galicia estará en aviso laranxa por choiva, vento ou temporal costeiro, coa condición do litoral lugués, onde haberá unha alerta pero será de cor amarela.
E é que a borrasca ex-Kirk, orixinariamente o ciclón tropical Kirk, chegará ao noroeste da península entre a tarde do martes e o mércores, segundo avanzou o portavoz da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), Rubén del Campo.
Así, dará lugar a un importante temporal marítimo en Galicia e o Cantábrico, con ondas de ata sete e seis metros respectivamente, ventos moi fortes en boa parte da Península, mesmo puntualmente con refachos tempestuosos, é dicir, superiores a 120 km/h, e precipitacións xeneralizadas no norte e oeste peninsular, que na comunidade galega e na contorna do sistema central serán especialmente abundantes.
No oeste de Galicia estas novas chuvias sumaranse ás precipitacións que xa caeron en días previos e tamén subirá a temperatura con respecto a días previos, polo que o portavoz do organismo estatal pediu extremar as precaucións fronte ás enchentes de ríos e posibles corrementos de terras.