Malas perspectivas no inicio da campaña de marisqueo na ría de Noia
Malas perspectivas no inicio da campaña de marisqueo na ría de Noia
Antes do último temporal, a maior parte do marisco non daba a medida comercial
O patrón maior pide un protocolo para que a presa do Tambre non desaugue coa marea baixa
No porto de Testal, en Noia, póñense a punto as embarcacións e os rastros, na véspera do inicio dunha campaña marisqueira con expectativas baixas. Este luns, 1.500 persoas, das catro confrarías da ría, volverán traballar, tras un ano de paro forzoso.
"A xente ten gaña de traballar porque vimos dun ano en que traballamos 8 días, o inverno pasado foi catastrófico e a xente ten gañas de traballar. Pero as perspectivas non son boas, xa dixen na asemblea de mariscadoras e mariscadores, o 85% do berberecho e da ameixa non ten o tamaño comercial, pero a ver se vai medrando e imos facendo un xornal. E a meta é traballar ata xaneiro".
O temporal da semana pasada matou unha parte do berberecho e da ameixa. Consideran que a mortaldade do marisco agravouse polo manexo da presa do Tambre, á que culpan de desaugar coincidindo coa marea baixa, cando prexudica máis.
"Sempre llo pedimos á Xunta de Galicia, que se fixese un protocolo para que non sexan afectadas 1.500 familias pola baixa salinidade".
A campaña empezará con topes pequenos. Os embarcados poderán coller un máximo de oito quilos de berberecho e os de a pé cinco. E para todo o colectivo, tres quilos de ameixa xapónica e dous de babosa e de fina.