O Congreso vota este mércores o traspaso da AP-9
O Congreso vota este mércores o traspaso da AP-9
O BNG agarda que todos os grupos apoien a iniciativa
Unha iniciativa do BNG esixe ao Goberno central que inicie os trámites da anulación da prórroga de 25 anos á concesionaria da Autoestrada do Atlántico (AP-9) e asuma a xestión directa da vía e a supresión das peaxes.
Os nacionalistas consideran que seguir pagando as peaxes na AP 9 supón unha estafa aos usuarios e unha perda de competitividade para as empresas galegas.
Tamén unha discriminación para Galicia, xa que no resto do Estado as concesións remataron aos 40 anos.
Sinalan tamén que a prorroga ata o 2048 non está axustada a dereito. E argumentan os nacionalistas que o rescate é a solución máis vantaxosa e o investimento necesario sería de algo máis de 900 millóns de euros.
O BNG proponlle ao ministerio que realice un estudo propio sobre a mellor formulación xurídica e o custo que suporía o rescate. Lembrou Rego que xa por cinco veces o Parlamento galego votou por unanimidade solicitar a transferencia da AP9.
O PSOE quere agardar a que se pronuncie a Comisión Europea
Durante o debate da iniciativa, a deputada galega do PSOE Obdulia Taboadela alertou dunha "contradición" do BNG ao reclamar primeiro a anulación da prórroga da concesión da AP-9 para logo solicitar a realización dun estudo sobre as consecuencias desta decisión.
"O tema está na Comisión Europea e, por tanto, deixemos que se manifeste a Comisión Europea sobre a legalidade da prórroga. Deixemos traballar a Comisión e esperemos a ver cal é a decisión para ver se, finalmente, a prórroga foi legal ou non foi legal. A cada un o seu", sostivo a deputada galega socialista.
A dirixente socialista cargou tamén contra o PP e a súa xestión cando estaba á fronte do Executivo central e na Xunta de Galicia, á vez que reivindicou as medidas do Goberno de Pedro Sánchez para as bonificacións da peaxe: "Os galegos e galegas pagamos peaxes por culpa do PP, pero pagamos menos grazas ao PSOE".
Votarase este mércores
En calquera caso, a votación desta iniciativa producirase este mércores, que será cando se saiba se finalmente sairá adiante e con que apoios contará. O PP presentara unha emenda, pero o BNG decidiu rexeitala.
Na súa formulación, os populares querían que o Goberno mantivese informada á Xunta de Galicia sobre o procedemento de infracción contra España, iniciado pola Comisión Europea, en materia de contratación pública sobre o contrato de concesión da AP-9.
Do mesmo xeito, o PP propoñía incluír un novo punto para instar o Goberno a implantar "de modo inmediato" na autoestrada estatal AP-53 un modelo de bonificacións similares ás da AP-9.
O BNG defende un informe elaborado por profesores da Universidade da Coruña que fixa en 904,7 millóns de euros o custo desta operación, aínda que o ministro insiste en cifralo nuns 4.000 millóns de euros, algo que, segundo Puente, non sería asumible para o Estado.
Pola súa banda, a deputada de Sumar Verónica Martínez calcula este rescate nunha cifra inferior á do BNG, ao redor dos 800 millóns de euros.
Transferencia a Galicia
Nun terceiro punto da iniciativa, exponse que o Congreso exprese o seu compromiso para impulsar a tramitación da proposición de lei remitida desde Galicia (coa unanimidade de todos os grupos do Parlamento autonómico) en defensa da transferencia de titularidade e competencias da autoestrada.
Esta proposición de lei para a transferencia de titularidade e competencias da AP-9 está actualmente en tramitación no Congreso dos Deputados e o BNG reclama á Mesa da Cámara Baixa, onde PSOE e Sumar teñen maioría, que axilice o seu debate e votación.
"En definitiva, non hai razóns para non transferir a AP-9, como non as hai para non finalizar a concesión e que pase a ser unha autoestrada galega e libre de peaxes", sentenza o BNG na súa exposición de motivos desta iniciativa.
Ante isto, Vox rexeitou esta transferencia que reclama o BNG e cargou contra o PP por reclamalo tamén desde o Parlamento galego.
Esta nova iniciativa sobre a AP-9 no Congreso produciuse despois do debate que mantiveron a semana pasada no Pleno o deputado do BNG Néstor Rego e o ministro de Transportes Óscar Puente sobre este asunto.
En relación con este debate, Puente desvelou que o Consello de Ministros aprobaría esta semana a declaración de urxencia do procedemento para dispoñer canto antes dos fondos para ampliar as bonificacións da AP-9.
Do mesmo xeito, está previsto que este mesmo mércores o ministro de Transportes compareza no Pleno do Congreso a pedimento do PP e o BNG para falar sobre esta autoestrada galega.