Preocupación nas confrarías pola diminución das capturas de polbo nun 50 %
Preocupación nas confrarías pola diminución das capturas de polbo nun 50 %
Reclaman a ampliación das vedas e prohibir a captura de xuvenís e femias ovadas
Un dos símbolos da nosa gastronomía semella estar en perigo. No porto de Bueu, lugar de referencia para a pesca deste cefalópodo estiman que as capturas se reduciron nun 50 %.
O sector considera que hai que reaccionar xa alongando as vedas ou polo menos evitando que se poida coller polbo cando as femias están ovadas, algo que ocorreu nesta campaña.
Segundo explica Xosé Manuel Rosas, patrón maior da confraría de Bueu, cando rematou o período de prohibición e volveron ao mar en xullo, o 100 % das femias ían ovadas.
O vindeiro ano ademais da veda haberá un plan de recuperación. Cómpre lembrar tamén que non se poden capturar polbos de menos dun quilo, unha norma que non todos respectan.
Para o patrón maior, a pesca non é só un oficio, senón que forma parte da nosa cultura e do noso arraigamento nas localidades costeiras do país. Por iso, considera que todos os esforzos son necesarios para que o polbo non desapareza das nosas augas.