Publicador de contidos
Publicador de contidos

As medidas de aforro enerxético seguen na diana das discrepancias políticas

As medidas de aforro enerxético seguen na diana das discrepancias políticas

Desde a Xunta, Francisco Conde sostén que o Goberno está nun novo "capítulo de improvisación" e pide cooperación sincera coas comunidades autónomas

O ministro de Política Territorial, Miquel Iceta pídelle ao Partido Popular que se aclare con este tema e que arrime o ombreiro.                 

G24.gal 06/08/2022 14:46 Última actualización 06/08/2022 15:06

A aplicación efectiva das medidas enerxéticas do Goberno segue a suscitar dúbidas e polémica en diversos ámbitos institucionais, políticos e empresariais. A ministra Teresa Ribera anunciaba onte unha modificación canto á temperatura máxima permitida na refrixeración de bares e restaurantes, e citaba as comunidades autónomas para unha reunión o martes vindeiro.

Desde a Xunta, o vicepresidente primeiro e responsable da área económica, Francisco Conde, sostén que o Goberno improvisa en materia enerxética e que a miúdo cae nas "ocorrencias":

"Nós o que lle pedimos ao Goberno é que neste novo capítulo de improvisación, cunha convocatoria en 24 horas practicamente, sen ningún tipo de documentación, sen ningún tipo de proposta, xusto o día en que vai entrar en vigor o Real Decreto, pois que realmente haxa unha cooperación sincera e que trasladen cales son eses impactos".

En paralelo, desde o executivo central defenden que o aforro enerxético é un compromiso solidario coa Unión Europa e pídenlle ao PP e a Feijóo persoalmente que se aclaren.

"As leis están para cumprirse e, polo tanto, todas as Administracións teñen que cumprir a lei. Nisto nós o que lle pedimos ao Partido Popular é que se aclare. Non pode ser que hai quince días estiveran pedindo un plan de aforro enerxético e cando temos un plan sobre a mesa agora todo son escusas para non cumprilo", reclama o ministro de Política Territorial, Miquel Iceta.

En definitiva, as incógnitas sobre as medidas de aforro e a súa flexibilización no marco da lexislación laboral vixente quedan pendentes de despexarse na reunión do martes entre o Goberno e as comunidades autónomas.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade