Publicador de contidos
Publicador de contidos

As medidas para limitar o prezo do gas atrásanse unha semana

As medidas para limitar o prezo do gas atrásanse unha semana

Os detalles están aínda pendentes da aprobación da Comisión Europea

G24.gal 02/05/2022 17:25

A vicepresidenta do Goberno responsable de Transición Ecolóxica Teresa Ribera  ve "difícil" que o Goberno poida aprobar esta semana as medidas para limitar o prezo do gas, con detalles aínda pendentes do visto e prace da Comisión Europea. Pero si está convencida de que poderán adoptarse a vindeira semana.

Á súa entrada ao Consello extraordinario de Ministros de Enerxía da UE, en Bruxelas,  Ribera dixo que espera ter a proposta definitiva "canto antes" e que agarda poder presentala ante o Consello de Ministros da semana que vén, unha semana máis tarde do que expuxo nun primeiro momento.

A pasada semana España e Portugal anunciaron que conseguiron un principio de acordo co Executivo comunitario sobre a proposta conxunta para limitar o prezo do gas no mercado eléctrico. Un acordo aínda pendente de completar o procedemento co apoio da Comisión para poñelo en marcha.

"Estamos a ultimar detalles, non é fácil que nos dea tempo a facelo mañá, pero estamos a acabar de puír os detalles da proposta definitiva", agregou a titular de Enerxía.

O principio de acordo anunciado a pasada semana polos titulares de Enerxía de España e Portugal expón fixar o prezo de referencia do gas, nun primeiro momento, ao redor de 40 euros/MWh e marcará un prezo medio de 50 euros/MWh ao longo dos 12 meses que estea en vigor, o cal supón 20 euros máis do tope de 30 euros que propuxeron de saída España e Portugal.  

Ribera falaba así á prensa á súa chegada a unha reunión cos socios europeos en que a discusión estará centrada na resposta do bloque tras a decisión de Rusia de cortar a subministración de gas a Polonia e Bulgaria a pasada semana.  

Neste sentido, Ribera enviou mensaxes de "unidade" e "solidariedade" por parte de Europa e destacou o traballo realizado xunto á Comisión Europea, con Alemaña e cos estados membros máis vulnerables, para poñer posturas comúns para deducir a dependencia da subministración enerxética rusa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar