A neve cobre as montañas de Lugo e Ourense
A neve cobre as montañas de Lugo e Ourense
Callou por riba dos 800 metros, desde o Macizo Central ao sur da provincia ourensá
As estradas da rede principal están limpas, pero hai dificultades nas secundarias
Na provincia de Ourense, a neve callou por riba dos oitocentos metros, en todo o Macizo Central, as montañas orientais e o sur da provincia, na fronteira con Portugal.
"O día está bo para estar na casa e comer uns chourizos das matanzas". "Boa falta facía, que outros anos por este tempo xa tiñan caído gordas", comentan dous veciños de Montederramo.
As estradas da rede principal están limpas, pero nas da rede secundaria é preciso circular con precaución. A neve cae aos golpes e cobre rapidamente o asfalto, como vemos nesta estrada entre Montederramo e Chandrexa de Queixa. Os propios condutores advírtennos do perigo, que afecta especialmente os repartidores.
"Vai estar fastidiado, sobre todo os que temos que andar polas aldeas levando o pan". "De momento aínda está ben. A ver como acaba, que nunca se sabe", sinalan o panadeiro e mais o carteiro.
En Montederramo, precisamente, era día de feira pero non se presentou ninguén.
"A polbeira xa tiña que estar aí e non veu aínda. E o da froita tampouco. Non creo que haxa moita feira", explica unha veciña.
Foi na provincia de Ourense onde se rexistraron as temperaturas máis baixas de Galicia, por debaixo dos menos catro graos en Trevinca e en Manzaneda.
Sen colexio
As nevaradas deixaron alumnos sen colexio na Mezquita e en Viana, polas dificultades para o transporte escolar nas estradas de montaña. Tamén houbo avisos intermitentes de Tráfico por nevaradas na autovía das Rías Baixas, entre A Gudiña e A Canda, pero non afectaron a circulación.
Lugo
A cota de neve baixou na provincia de Lugo ata os 700 metros e mantense activado o aviso amarelo por nevaradas nas zonas de montaña. Este ano a súa aparición atrasouse máis do previsto, e por iso quizais foron moitos os que non quixeron perder nin un minuto para poder gozar dela.
E non se equivocaron, porque a previsión é que continúe nevando ao longo de toda a xornada, con acumulacións que poden chegar a acadar os dez centímetros, aínda que cara á tarde a cota de neve podería subir e situarse arredor dos 900 ou 1.000 metros.
Nas estradas, as máquinas quitaneves traballan arreo para que a circulación se faga con normalidade.
Mañá mércores chegará a Galicia Ivo, un novo temporal que tamén vai traer avisos por neve.