As obras na A-6 en Pedrafita complican as exportacións dende o porto de Ferrol
As obras na A-6 en Pedrafita complican as exportacións dende o porto de Ferrol
Redúcese a exportación de compoñentes eólicos polas restricións de paso dos transportes especiais
O sector di que xa perderon millóns de euros en transaccións
As obras no viaduto do Castro na A-6 cortaron o paso dos transportes especiais en xuño do ano pasado e, con iso, atrancaron a ruta principal de comercialización de compoñentes eólicos. Prodúcense en León e expórtanse dende Ferrol, onde calculan que, con estas restricións, perderon unhas mil entregas nestes meses.
"Perdéronse nestes sete meses millóns de euros, que non se van recuperar", afirma Santiago Pérez Torres, director xeral do grupo Pérez Torres, especializado en loxística mariña.
En xaneiro chegou unha solución para o tráfico das pas dos aeroxeradores, que poden cruzar o viaduto da A-6 en horarios determinados. O problema son as torres, que son máis pesadas e teñen prohibido o paso dende xuño.
"Existe un itinerario alternativo habilitado vía Pedrafita", explica Pérez Torres. "Xa fixemos un estudo de viabilidade de paso e por aí poderían pasar perfectamente as torres eólicas". Di que urxe atopar unha alternativa, para poder manter o negocio.
A Xunta únese a esa petición, ao entender que se está poñendo en risco o sector. As fábricas xa abriron unha vía de exportación dende o porto de Santander. De momento cargan só as torres, pero a ameaza de trasladar o negocio está aí.
"Constatamos co sector e co porto de Ferrol que hai un risco real desa deslocalización", afirma a conselleira de Infraestruturas. Ethel Vázquez asegura que, debido a estas restricións no tráfico, estase trasladando un "sector estratéxico" en Galicia "cara a outras comunidades autónomas".
Ademais das perdas económicas, dende o sector alertan do impacto que está tendo esta falta de tráfico nos postos de traballo ligados directa ou indirectamente a esta actividade.